Compostela Aberta súmase á demanda dunha lei que regule os alugueiros abusivos

O goberno de Compostela Aberta súmase ao do resto de cidades do Estado que apoia a Proposición de Lei de Regulación de alugueiros abusivos e mellora das garantías e o acceso á vivenda en alugueiro, presentada este xoves no Congreso dos Deputados. O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, avala o texto “que lle quere dar resposta a unha problemática que tamén lle afecta a Compostela, e que obriga a moitos veciños e veciñas a abandonar os seus barrios de sempre porque non poden pagar unha vivenda digna”. O concelleiro entende que “esta Proposición de Lei vai na liña que vimos defendendo desde Compostela Aberta co obxectivo de garantir o dereito á vivenda e o uso residencial, en risco fundamentalmente na cidade histórica onde á especulación se suma o problema dos pisos utilizados irregularmente como aloxamentos turísticos.”

A Proposición de Lei presentada este xoves por Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea conta co aval dos gobernos de Santiago, Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, A Coruña, Córdoba e Cádiz, que suman sete millóns de habitantes. A deputada Irene Montero foi a encargada de defender a proposta que pretende evitar que “a especulación hipotecaria que pulverizou o dereito á vivenda en España, agora se traslade aos alugueiros”. Nesa liña defendeu a urxencia de “dotar de seguridade aos pequenos propietarios e propietarias de vivendas e ás persoas inquilinas, todo o contrario do efecto que tiveron as últimas reformas da Lei de Arrendamentos Urbanos que levou a cabo o PP”.

Achegarnos a Europa
Proposición de Lei de Regulación de alugueiros abusivos e mellora das garantías e o acceso á vivenda en alugueiro pretende “alonxarnos dos grandes fondos de investimento e comezar un camiño que nos achegue ao que están facendo países europeos como Alemaña, Austria, Francia ou Holanda, onde vivir de alugueiro é unha opción estable, asequible e segura”.

Na presentación do texto participaron os concelleiros  e concelleiras das cidades que asinan o documento coa excepción de Jorge Duarte, que non puido asistir á rolda de prensa malia a participar activamente na elaboración da Proposición de Lei. As sete urbes coinciden en que “a ausencia dun parque público de vivenda provoca que non exista unha oferta de alugueiro que exerza de contrapeso aos incrementos dos prezos do mercado privado”.

A Proposición de Lei pretende reverter as últimas reformas do PP en materia de alugueiros, que no ano 2013 recortaron os contratos a 3 anos, limitaron as garantías para as persoas arrendatarias e as axudas fiscais ás que tiñan dereito, e reduciron o orzamento estatal en materia de vivenda. Así, Unidos Podemos – En Comú Podem – En Marea  e máis as sete cidades propoñen volver aos contratos alugueiros de 5 anos, con posibilidade de cinco anos máis de prórroga “para que o alugueiro sexa unha opción estable para  desenvolver un proxecto de vida con tranquilidade”. O texto tamén establece a posibilidade de que os municipios, en coordinación coas Comunidades Autónomas, poidan declarar Áreas Urbanas de Mercado de Vivenda tensionado, nas que temporalmente se poidan regular os prezos para evitar subas abusivas dos alugueiros.

Novas
relacionadas

COMUNICADO DE COMPOSTELA ABERTA DIANTE DA CONMEMORACIÓN DO 8M, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Como cada 8 de marzo, Compostela Aberta súmase ás reivindicacións polo Día Internacional das Mulleres e fai un chamamento á cidadanía a participar nas mobilizacións convocadas para reclamar unha igualdade real entre homes e mulleres, defender o dereito das mulleres a vivir unha vida libre e segura, e denunciar a discriminación que perdura, malia os avances nas últimas décadas.

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo