A nova depuradora será na Silvouta e terá fondos europeos. Por moito que a conselleira Ethel Vázquez esixa que os fondos previstos para Santiago se destinen a outras cidades e que o seu ex-xefe Agustín Hernández actúe como delegado da Xunta presentando mocións en contra dos intereses de Compostela.

E non o dicimos nós. É o propio Ministerio de Medio Ambiente, responsable e principal financiador da nova depuradora, quen o volve reafirmar nunha nota difundida publicamente e que podemos ver na súa páxina web: “Está previsto que la actuación sea cofinanciada por el Fondo Europeo de Desarrollo Regional FEDER 2014-2020, dentro del Programa Operativo Plurirregional de España (POPE).”

Si, falamos dos mesmos fondos que Ethel Vázquez leva ‘subastando’ por media Galicia dende hai dúas semanas, facendo todo o posible para que Santiago os perda e botarlle a culpa ao Goberno de Compostela Aberta.

Acordos entre Concello e Goberno do Estado
Pero mentres, o Concello segue traballando para que Santiago conte canto antes coa depuradora que a cidade precisa e merece. Máis moderna, económica, e eficiente que o proxecto ecocida do Souto que segue defendendo o PP.

Hoxe mesmo o alcalde e a presidenta de ACUAES acordaron que a EDAR da Silvouta será adxudicada polo procedemento do diálogo competitivo e deron pasos para a subscrición do convenio para que as obras se inicien á maior celeridade posible.

Na web do Concello e da propia ACUAES podes ver esta información con máis detalle.

A subasta de Ethel Vázquez
E mentres o goberno de Compostela Aberta segue avanzando para a nova depuradora, a conselleira de Infraestrutas Ethel Vázquez segue na súa teima para boicotear a EDAR de Santiago.

Despois de reabrir o debate da ubicación do Souto cando xa había consenso para situala na Silvouta, Ethel Vázquez empezou a súa particular “subasta” esixindo ao Estado que se reasignen a proxectos noutras vilas e cidades: Ría do Burgo, Monforte, Salvaterra do Miño e, hoxe mesmo, Tomiño son as agraciadas pola lotaría de Vázquez que xoga a repartir uns fondos que non son seus.

Porque lembremos que os Fondos FEDER son parte da financiación que lle corresponde aportar ao Estado. Non son responsabilidade da Xunta nin do Concello. Pero todo vale na forma partidista coa que Ethel Vázquez entende a política para facerlle oposición a Compostela Aberta e, o que é máis triste e irresponsable, tamén a toda a cidade e veciñanza de Santiago.

Mellor sería que a conselleira pensara no menor custe económico que supón a proposta do goberno de Compostela Aberta respecto a que ela defendía no Souto e que grazas a isto sería posible adicar o excedente de fondos europeos á mellora da EDAR de Sisalde (Ames) e completar así o ciclo de depuración do Río Sar.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies