“A familia Franco, demandada ante a Xustiza para que devolva o que lexítimamente non é seu”. Non é un titular habitual, e non porque os herdeiros do ditador non manteñan no seu poder bens que deberan seguir sendo doutros. Ata agora.

O Goberno de Compostela Aberta vén de demandar pola vía civil á familia de Franco, para que devolva as figuras de Abraham e Isaac que o Mestre Mateo esculpiu no século XII para formaren parte do Pórtico da Gloria. Dúas pezas retiradas do conxunto catedralicio

durante as reformas ás que foi sometida a fachada do Obradoiro, que pasaron a mans do Conde de Ximonde, e que o Concello de Santiago adquiriu en 1948 por 60.000 pesetas.

Unha compra acreditada cun documento notarial, localizado durante os traballos impulsados polo Goberno para recuperar as pezas.

Do que segue sen haber rastro é dalgún documento que xustifique o motivo polo que Abraham e Isaac están nas mans da familia do ditador, por que son “os últimos presos de Franco”, como tan acertadamente sinalou o programa de televisión “El Intermedio” poñendo este caso na axenda pública estatal.

Non hai ningún papel, pero si hai información orais fiables que apuntan a que foi a muller de Franco, Carmen Polo, quen se “namorou” das dúas figuras cando as viu no Pazo de Raxoi nunha visita durante o Ano Santo de 1954. E claro, o entón alcalde quixo ter o xesto de enviarllas á súa residencia de verán do Pazo de Meirás. O xesto agradable de quen tiña que estar absolutamente subordinado á autoridade do ditador.

Obras de dominio público
Aínda que a familia Franco non respondeu ao requirimento que lle foi enviado polo Concello antes da demanda xudicial, todo apunta a que o seu argumento de defensa será que as esculturas foron un agasallo E que, en todo caso, o asunto está prescrito. Pero a Asesoría Xurídica municipal teno claro, e así o recolle nos seus informes: Abraham e Isaac son bens de

Dominio público e, polo tanto, non se podenceder, nin vender, nin doar a particulares ou a empresas. Nin atendendo á actual lexislación nin á que estaba vixente desde a República e durante a ditadura. E por ese mesmo motivo, estímase que non se pode alegar prescrición dos feitos.

A demanda civil, moi ben argumentada e documentada, terá aínda un prazo longo de tramitación. E non se pode asegurar que o caso vaia quedar resolto en primeira instancia. A batalla xudicial será previsiblemente longa, pero o Goberno de Compostela Aberta non descansará no seu empeño de recuperar as pezas para o patrimonio público da cidadanía.

Para que Abraham e Isaac fiquen no Museo da Catedral de Santiago, o seu espazo natural, como símbolos da recuperación da dignidade fronte ao saqueo franquista que aínda perdura.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies