O deputado Provincial de Compostela Aberta, Manuel Dios participou este venres no Pleno da Deputación Provincial da Coruña onde se aprobou o convenio de colaboración para o cofinanciamento da terceira edición do Fairway, Fórum do Camiño de Santiago. Esta nova edición terá lugar os vindeiros 10, 11 e 12 de febreiro no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela e foi presentado esta semana polo alcalde. Martiño Noriega ,e a concelleira de Turismo, Marta Lois.

O Fairway é o gran foro do Camiño de Santiago.  Un acontecemento único e de grande interese tanto para a cidade de Santiago como para toda a provincia da Coruña. Este evento pretende potenciar o turismo de calidade na cidade e ao mesmo tempo consolidar a toda a provincia da Coruña como destino turístico vencellado nesta ocasión ao Camiño.

O Foro aborda a realidade do Camiño de Santiago congregando nun mesmo espazo produtos e servizos, oferta e demanda, persoas usuarias e profesionais de diversos ámbitos como pode ser hostalería, turismo, a formación e incluso as novas tecnoloxías.

Edición 2018 do Fairway

Edición 2018 do Fairway

Apoio ao persoal de Urxencias
No pleno de hoxe ademais desta aprobación, o deputado de Compostela Aberta, Manuel Dios presentou xunto cos grupos provinciais de Alternativa dos Veciños, BNG, Marea Atlántica e PSdeG-PSOE, unha moción en defensa da sanidade pública e das reivindicacións que nas últimas semanas está a levar a cabo o persoal sanitario, como a folga do persoal de urxencias do Complexo Hospitalario de Compostela. Esta moción so foi rexeitada polo grupo provincial do Partido Popular.

Así mesmo, o Partido Popular presentou no último momento e con carácter de urxencia unha moción na que pedían que a Deputación recoñecese a Juan Guaidó como Presidente da República de Venezuela. O deputado de Compostela Aberta rexeitou este recoñecemento polo que votou en contra da moción presentada polo Partido Popular e apoiada polo Partido Socialista, pedindo que se mantiveran abertas todas as canles de diálogo e diplomáticas para resolver a situación venezolana.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies