O grupo municipal de Compostela Aberta levará ao pleno do próximo xoves 18 de novembro unha moción coa que quere que o Pleno da Corporación inste á Xunta a incorporar nos seus próximos orzamentos de 2019 as partidas necesarias para a construción dun novo aparcadoiro público para o Hospital Clínico.  O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade presentou hoxe a moción, que tamén urxe á xerencia do CHUS a realizar os trámites precisos para ampliar a reordenar o estacionamento no complexo hospitalario, impedindo que os vehículos aparquen na beirarrúa e garantindo a accesibilidade. Ademais, solicítalle que complete o estudo sobre as necesidades de estacionamento no CHUS, cuantificando a demanda de traballadores e traballadoras e de persoas usuarias.

Jorge Duarte lembrou que o Hospital Clínico Universitario de Santiago abriu as súas portas en 1999, e da servizo a unha área de poboación de case 400.000 persoas. Xa entón, o Concello cedeu os terreos nos que a Xunta construíu o actual estacionamento. O concelleiro incidiu en que, en 2017, o alcalde, Martiño Noriega, mostroulle ao conselleiro de Sanidade a disposición do Concello a colaborar nas reformas que precisa o complexo hospitalario, “salientando a necesidade de procurar unha solución aos problemas de estacionamento no CHUS”. Posteriormente, o Concello modificou o PXOM para permitir a localización dun aparcadoiro de catro plantas baixo un espazo público nunha parcela situada xunto ao edificio CIMUS da Universidade de Santiago. Desde entón, explicou Jorge Duarte, “o Goberno local non tivo retorno, malia a ter solicitado reiteradamente unha xuntanza coa xerencia do CHUS en abril e posteriormente en agosto”.

O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade lamentou “o caos que se vive case a diario no contorno do Hospital Clínico, un problema que se remonta á apertura do centro e que non se solucionou coa construción do parking da Choupana”. Máis ao contrario, Jorge Duarte lembrou que “a concesión deste aparcamento privado fíxose en tempos de bonanza económica e a moi longo prazo, e o resultado é que as tarifas deste estacionamento son as máis caras dos estacionamentos vinculados aos hospitais galegos, practicamente duplican as do aparcadoiro do Álvaro Cunqueiro de Vigo”. Por todo iso, Duarte instou á Xunta a incluir nos seus orzamentos de 2019 as partidas necesarias para acondicionar un novo aparcamento no Clínico “seguindo o modelo que se levou a cabo xa para a construción do CHUS: financiamento do Goberno galego e terreos cedidos polo Concello de Santiago”.

Aquí podes ler o texto completo da moción de Compostela Aberta

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies