As concelleiras de Compostela Aberta, Marta Lois, María Rozas, Branca Novoneyra, Concha Fernández e Noa Morales presentaron este xoves a moción que CA levará ao próximo Pleno para que o Concello de Santiago apoie a folga feminista do próximo 8 de marzo.

Ás inaceptábeis violencias machistas que só no Estado español supuxeron o asasinato de máis de 1.000 mulleres en pouco máis de 14 anos, súmanse as consecuencias infames que en pleno século XXI teñen as desigualdades entre mulleres e homes en todo o mundo.

Estas desigualdades maniféstanse a diario en múltiples ámbitos pero é, sen dúbida, no ámbito do traballo onde se presentan dunha forma máis evidente: unha fenda salarial entre xéneros do 23%; carga desproporcionada de traballo non remunerado, ausencia case total de permisos de maternidade e paternidade que permitan reparto equilibrado de responsabilidades, acoso e violencia contra as mulleres no espazo laboral…  Son tan só algunhas das moitas probas que constatan a preocupante situación das mulleres no campo laboral a nivel mundial.

Ante isto, acabar coa discriminación entre mulleres e homes resulta, non só un deber ético, senón un compromiso histórico inaprazable no que todas as institucións do Estado teñen que participar activamente e asumindo un rol claro de liderado e compromiso.

Ante o anuncio dos sindicatos de dar cobertura legal ao próximo 8 de marzo ao paro internacional de mulleres impulsado por numerosas organizacións do movemento feminista en todo o mundo, o grupo municipal de Compostela Aberta presenta para a súa aprobación no Pleno os seguintes acordos:

1.- Apoiar a Folga Xeral das Mulleres, así como as xustas reivindicacións, mobilizacións e accións convocadas polo movemento feminista para este 8 de Marzo.

2.- En virtude de tal apoio, dende a Concello facilitaranse os medios materiais e de difusión dispoñibles para dar a coñecer as manifestacións, concentracións, actividades e actos que convoque o movemento feminista no 8 de marzo.

3.- Adoptar todas as medidas necesarias para garantir o exercicio do dereito fundamental de folga previsto na Constitución e na lei, por parte de todas as mulleres traballadoras municipais que se sumen á Folga Xeral das Mulleres.

4- Suspender todos os posibles actos institucionais no concello, tales como plenos municipais, comisións informativas, xuntas de portavoces ou calquera outra actividade institucional que poida intervir na participación en dita folga.

5.- Colocar a  bandeira feminista na sede do Concello de Santiago, sita no Pazo de Raxoi, do 1 ao 9 de marzo como símbolo de apoio á loita das mulleres.

Para Compostela Aberta trátase dun asunto de vital importancia e a igualdade debe rexir a acción para avanzar nunha cidade máis igualitaria e inclusiva. Co gallo de conseguir un respaldo maioritario das mulleres deste Concello, o vindeiro xoves 15 de febreiro a concelleira de Igualdade e Desenvolvemento Económico, Marta Lois, e a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, manterán unha xuntanza con todas as centrais sindicais do Concello e facer así un chamamento conxunto a folga.

Aquí podes ler a moción completa que levará Compostela Aberta ao Pleno do 15 de febreiro.

Concelleiras de CA presentan moción de apoio á folga do 8M

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies