A concelleira de Compostela Aberta, María Rozas, deu conta hoxe dunha moción que o grupo municipal levará ao vindeiro pleno para amosar o rexeitamento á decisión do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a sentenza sobre o imposto das hipotecas.

 “O acontecido nas últimas semanas sobre este tema non ten precedentes no dereito español”, sinalou a concelleira quen fixo referencia tamén ao artigo 18 da LOPJ que di que “as sentenzas se executarán nos seus propios termos e só poderán deixarse sen efecto en virtude dos recursos previstos na lei”. A decisión do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a sentenza que indicaba que debían ser os bancos os que abonasen o imposto das hipotecas non se sostén en ningunha norma legal. “O Tribunal Supremo non ten competencias para valorar a repercusión das súas sentenzas senón que debe limitarse a aplicar estritamente a lei e deixar que sexan os poderes lexislativo e executivo os que valoren os efectos que estas sentenzas podn ter na sociedade”. María Rozas tamén sinalou que “non pode ser que o poder xudicial actúe consonte a intereses económicos ou ao IBEX 35”.

Como destacou María Rozas, Compostela Aberta tamén entende como insuficiente o Decreto-lei aprobado polo goberno do Estado e publicado hoxe no BOE, pois este non supón retroactividade nin a devolución dos cartos que supuña a sentenza.

Na moción tamén se recolle que, na resolución do pasado 18 de outubro, se indica que os principais interesados en que se inscriba unha hipoteca en escritura pública son os bancos para poder exercitar a acción executiva e privilexiada que deriva da mesma. Isto ten como consecuencia que, se os bancos son os principais interesados en inscribila, deberían ser os que se fagan cargo do importe económico que iso supón.

Por todo iso, o grupo municipal de Compostela Aberta levará ao pleno do mes de novembro esta moción para que a corporación amose o rexeitamento a esta decisión do Pleno do Tribunal Supremo de deixar sen efecto a súa propia sentenza nº 1505/2018 relativa ao suxeito pasivo do Imposto de Actos Xurídicos Documentados.

Aquí podes ver o texto completo da moción que presenta CA.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies