O goberno de Compostela Aberta e o alcalde Martiño Noriega reiteran o seu compromiso co modelo educativo e coa estabilidade das traballadoras e traballadores da Escola Municipal de Música.

Compartimos a preocupación lóxica e lexítima do cadro de persoal, das nais e pais e do alumnado da Escola e respectamos as súas reinvindicacións. A súa preocupación é a nosa, e por iso seguiremos traballando para garantir un modelo educativo de referencia dende hai anos e moi querido pola veciñanza de Compostela.

Martiño Noriega lembrou este mércores que a licitación para a xestión da Escola Municipal de Música non está aínda pechada e que todo o que se fixo ao longo destes 3 anos foi para mellorar no modelo.

O goberno municipal de Compostela Aberta ten sobradamente demostrado o seu apoio á Escola Municipal de Música e o seu proxecto educativo. Boa proba disto foi a reubicación da Escola nas instalacións de EAEM no ano pasado. “Despois de todo este esforzo non imos retroceder. Nin o Concello, nin eu como alcalde imos dar paso atrás nin co modelo nin coa estabilidade laboral das traballadoras e traballadores.

Actualmente estamos diante dun proceso de licitación dun novo contrato para a Escola que non finalizou e no que aínda que só se presentou unha empresa, esta non é adxudicataria do servizo. Nin a mesa de contratación rematou o seu traballo nin, en consecuencia, a xunta de goberno do Concello asinou o contrato.

Lamentamos tamén que outros axentes políticos e mediáticos estean xa instalados na ansiedade preelectoral e no “canto pior, mellor”. Fronte a estas actitudes, o goberno de Compostela Aberta seguirá procurando unha solución satisfactoria para as familias e os traballadores e traballadoras.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies