Compostela Aberta, a través do seu Grupo Provincial, defende a necesidade de asinar o Tratado sobre a Prohibición de Armas Nucleares, cunha moción no Pleno provincial deste 27 de xullo defendida por Manuel Dios.
Este convenio internacional, promovido pola ONU e asinado xa por 122 países, non foi ratificado polos estados que, coma o español, forman parte da OTAN. Trátase do primeiro acordo que prohibe calquera uso de armas nucelares, incluído o seu desenvolvemento, produción, adquisición, posesión ou proba. Ata o de agora, os tratados existentes (como o NPT, do cal se cumpren 50 anos) centrábanse na redución dos arsenais, pero sen cuestionar a lexitimidade das súa posesión por parte dos estados.
Porén, hai cando menos cinco estados que posúen armas nucleares e non asinaron os tratados de non proliferación. Por ese motivo, e ante a recente escalada na produción de armas nucleares e mísiles balísticos, a Asemblea adoptou hai xusto un ano este novo Tratado, que ata o de agora, o Estado español refusou asinar.
O novo Goberno central, nomeado tras a moción de censura ao PP de Rajoy, ten que decidir se está do lado da Asemblea das Nacións Unidas, da paz e do desarme nuclear, ou do lado das organizacións militares ás que pertence e o seguidismo das políticas de Donald Trump.
O Estado español non posúe armamento nuclear nin foi vítima do seu uso militar, pero si coñece os riscos derivados da súa existencia e almacenaxe, pois aínda persiste a contaminación radioactiva asociada ao incidente de Palomares, Almería, de 1966.