Este 8 de marzo é un día histórico non só para o movemento feminista e a loita pola igualdade, tamén para toda a cidadanía. Dende Compostela Aberta reiteramos o chamamento a apoiar a Folga Xeral das Mulleres así como as mobilizacións e accións convocadas en todas as súas vertentes: folga de traballo, estudantil, de coidados e de consumo.

Sobran e sobran os motivos para esta folga. Ás inaceptábeis violencias machistas que só no Estado supuxeron o asasinato de máis de 1.000 mulleres en pouco máis de 14 anos, súmanse as consecuencias infames que en pleno século XXI teñen as desigualdades entre mulleres e homes en todo o mundo. Estas desigualdades maniféstanse a diario en múltiples eidos, sendo seguramente o ámbito do traballo o máis evidente.

A fenda salarial entre xéneros sitúase por riba do 23% mentres as mulleres seguen sufrindo unha desproporcionada carga de traballo non remunerado e ingresos ao marxe de disposicións legais formais ou control tributario.

As mulleres supoñen o 65% da poboación mundial que tendo alcanzado a idade legal prevista para recibir unha pensión de xubilación non a reciben.

As mulleres representan un 63% da actividade laboral mundial pero seguen percibindo ingresos ao marxe de disposicións legais formais, incluídas as de control tributario estatal.

As mulleres migrantes afrontan condicións laborais máis precarias que os homes migrantes, expostas a xornadas de traballo máis longas e un acceso á protección social inexistente ou moi limitado.

Só na Unión Europea unha de cada tres mulleres asegura ter experimentado acoso sexual e delas, máis da metade sufríuno no seu lugar de traballo.

E si, son as mulleres as que seguen asumindo de forma maioritaria os coidados das crianzas, das persoas maiores e as tarefas domésticas mentres seguimos vendo a ausencia case total de permisos que posibiliten un reparto equilibrado de responsabilidades.

Sobran e sobran os motivos, e ante eles, acabar coa discriminación entre mulleres e homes resulta, non só un deber ético, senón un compromiso histórico inaprazable no que todas as institucións do Estado teñen que participar non só activamente, senón asumindo un rol claro de liderado e co máximo compromiso.

Por iso este 8 de marzo sumarémonos a esta folga histórica, para demostrar dunha vez por todas que se as mulleres paran, o mundo para.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies