Recuperar o público para a veciñanza é un dos piares fundamentais de Compostela Aberta. Neste sentido, o goberno de CA sempre foi claro e nunca xerou falsas expectativas. Loitaremos sempre con valentía política e coa máxima seguridade xurídica, nun escenario tremendamente hostil, onde o propio goberno central defende os beneficios privados por riba dos intereses do ben común.

O proceso de remunicipalización da ORA e do guindastre en Santiago demostra o que dixemos moitas veces, que hai moitas máis facilidades para externalizar e privatizar servizos que para recuperalos. Agora, unha nova sentenza xudicial sinala que o Concello debe retrotraer as actuacións na adxudicación que debe recaer, se fose posible na empresa DOAL. Unha empresa do grupo Vendex que quedou 2ª no concurso convocado polo PP en 2011, anulado posteriormente pola Xustiza. A sentenza sinala ademais que o Concello non ten que pagar ningunha indemnización á empresa.

Por iso, o alcalde Martiño Noriega anunciou hoxe que se convocará esta semana a mesa de contratación do servizo da ORA e o guindastre para estudar os pasos a dar na tramitación do servizo e se DOAL está en disposición de prestalo.

Dende Compostela Aberta celebramos a actuación do goberno municipal que sempre apostou pola remunicipalización coas máximas garantías e defensa dos intereses e patrimonio do Concello, como demostra que non haxa que pagar ningunha indemnización.

Lembramos tamén que todo este proceso se inicia polos fallos na anterior adxudicación que levou á anulación do concurso. Non é de recibo que os que provocaron esta sentenza sexa os que se lle queixan agora ao goberno de Compostela Aberta.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies