COMPOSTELA ABERTA FRONTE AS ELECCIÓNS XERAIS DO 28 DE ABRIL

Compostela Aberta é unha proposta colectiva que, desde os seus inicios en setembro de 2014, tense definido sempre como un proceso político-social de confluencia.

Compostela Aberta é unha proposta colectiva que, desde os seus inicios en setembro de 2014, tense definido sempre como un proceso político-social de confluencia. A nosa acción política tense destacado, sempre, pola mestizaxe, a xenerosidade e a capacidade de integración de todas as sensibilidades da unidade popular.

Somos un proxecto político netamente municipalista que desde maio de 2015 está a conseguir transformar a realidade da nosa cidade. Isto tradúcese na consideración de Compostela Aberta como exemplo e ferramenta útil para o impulso de políticas transformadoras na sociedade, algo que é recoñecido por todos os axentes políticos da confluencia.

Sendo conscientes de que as necesidades e demandas sociais non se poden resolver, única e exclusivamente, desde o ámbito local, témonos implicado na construción de alternativas de ámbito nacional. Partindo das mesmas premisas políticas que Compostela Aberta, procuramos que estas alternativas fosen igualmente proveitosas para afrontar os desafíos que tiñamos e, aínda, temos por diante na busca da xustiza social e a defensa do ben común.

As eleccións xerais, deste 28 de abril, chegan nun momento crucial para definir o campo da acción política do futuro próximo. Temos por diante a escolla da saída que vai ter a crise do Réxime do 78, pola estrema-dereita cun tripartito que procurará retroceder décadas derrubando as principais conquistas sociais e democráticas, ou pola esquerda na procura dun horizonte constituínte que permita progresar e asentar unha democracia avanzada, fraterna e de valores republicanos.

Diante deste reto, a nosa aposta continúa a ser a da unidade para ser capaces de representar os intereses da xente do común con máis forza e con renovada capacidade de aglutinar vontades.

Desbotando as dinámicas competitivas de confrontación interna e partindo da experiencia política acumulada, MANIFESTAMOS:

1. A necesidade do destaque e defensa do municipalismo como exemplo de confluencia e recoñecemento das diferentes identidades políticas. Nos municipios onde fomos capaces de construír ferramentas plurais e mestizas, constituíndo forzas abertas pero compactas, estase a demostrar que outra forma de gobernar a prol da cidadanía é posible.

2. A unidade popular ten que exercerse desde a corresponsabilidade das partes que a conforman e, partindo diso, reforzar o conxunto. Unidade non significa uniformidade, a pluralidade interna enriquécenos, mais para sermos de utilidade é imprescindible colocar o foco no que nos une e sermos quen de confluír, cooperar e construír dentro dunha proposta común, amplo e aberta.

3. É imprescindible reforzar o suxeito político galego a partir da definición duns obxectivos comúns que sumen e multipliquen. O recoñecemento deste suxeito nacional galego significa un encadramento natural que, dende a súa propia soberanía, pode procurar complicidades no ámbito estatal.

4. Compre diferenciar entre o formato legal do suxeito e a articulación do espazo da unidade popular, que non sempre teñen que coincidir. A articulación do espazo precisa de fórmulas inclusivas e representativas da pluralidade do espazo.

E atendendo a todo o anterior ACORDAMOS:

Compostela Aberta desexa e dará apoio a unha candidatura galega única de unidade popular que sexa representativa do conxunto do espazo. Consideramos que é o momento da xenerosidade de todas as partes mais, en todo caso, o noso proxecto non aspira a facer parte, do punto de vista legal, da candidatura.

● No caso de que a candidatura de unidade non sexa posible, Compostela Aberta manterá a súa independencia fronte ás hipotéticas e diferentes propostas . Entendendo que os nosos representantes institucionais e orgánicos, así como o conxunto das persoas inscritas, terán liberdade para apoiar a opción electoral que consideren.

[Documento aprobado na asemblea de Compostela Aberta do 27 de febreiro de 2019]

Novas
relacionadas

COMUNICADO DE COMPOSTELA ABERTA DIANTE DA CONMEMORACIÓN DO 8M, DÍA INTERNACIONAL DAS MULLERES

Como cada 8 de marzo, Compostela Aberta súmase ás reivindicacións polo Día Internacional das Mulleres e fai un chamamento á cidadanía a participar nas mobilizacións convocadas para reclamar unha igualdade real entre homes e mulleres, defender o dereito das mulleres a vivir unha vida libre e segura, e denunciar a discriminación que perdura, malia os avances nas últimas décadas.

Compostela Aberta chama a participar o domingo na Manifestación en Defensa do Mar

A manifestación partirá ás 12.00 horas da Alameda de Santiago para denunciar o desleixo da Xunta e reclamar transparencia na información sobre a vertedura dos pellets

CA esixe responsabilidade á Xunta diante do desastre dos pellets e solidarízase cos municipios afectados

Compostela Aberta denuncia a incompetencia da administración autonómica, que reaccionou tarde e mal, e parabeniza á sociedade civil que está a organizarse para a recollida desta vertedura, así como ao movemento ecoloxista e asociacións en defensa das rías.

CA, BNG e PSdeG-PSOE asinan un acordo orzamentario que pon por riba de todo os intereses da veciñanza de Santiago de Compostela

Goretti Sanmartín, María Rozas e Aitor Bouza coinciden en cualificar o orzamento municipal como social, igualitario e deseñado para o mantemento dos barrios e das parroquias

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo