O Grupo Provincial de Compostela Aberta vén de presentar unha moción, que será debatida o vindeiro venres, a través da cal a Deputación da Coruña insta aos Gobernos europeos a garantir todas as formas de acceso legais para os solicitantes de asilo, así como máis prazas de reasentamento e admisión humanitaria.
Segundo explicou o deputado provincial, Manuel Dios, trátase así de dar cumprimento á declaración de Dereitos Humanos de Nacións Unidas, que obriga a todos os estados da UE. Esta é unha medida imprescindible ante a que é a peor crise de desprazados desde a Segunda Guerra Mundial, unha realidade da que Europa non pode permanecer allea ou reaccionar pechando as súas fronteiras. As persoas refuxiadas van seguir escapando da guerra, da opresión, da persecución e da tortura, por moitas trabas que se lles queiran poñer, afirmou.
Dios lembrou que, no pasado mes de setembro, a Deputación xa aprobou unha iniciativa conxunta de Compostela Aberta e Marea Atlántica, na cal se solicitaba ás distintas administracións públicas o seu compromiso ante a crise humanitaria que están a sufrir as persoas solicitantes de asilo. Lamentou que nestes meses pouco ten mellorado, tanto nas políticas dos países de acollida, como nas causas que obrigan a estas persoas a desprazarse, ou nos padecementos que sofren no seu tránsito.
A moción insta á Deputación a sumarse á “Marcha Europea polos dereitos das persoas desprazadas. Pasaxe seguro XA”, convocada para o sábado 27 de febreiro na cidade da Coruña, e a facer un chamamento á cidadanía de participación nas iniciativas en marcha.
O deputado provincial de Compostela Aberta confía en que esta proposta teña o apoio da totalidade dos grupos con representación na Deputación, e que poida ser aprobada como Declaración Institucional.