[ACTUALIZACIÓN 20/04/18: A moción de Compostela Aberta foi aprobada cos votos a favor do PSdeG e BNG e co voto en contra do PP. Podes ver en vídeo a defensa que Concha Fernández fixo da moción e a exposición de Manuel López, do Colectivo Renda Básica Universal de Compostela]

A Concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, presentou este xoves a moción elaborada en colaboración co colectivo Renda Básica Universal que Compostela Aberta levará ao Pleno deste 19 de abril.

O colectivo Renda Básica de Santiago de Compostela vén traballando en diferentes propostas e iniciativas co obxectivo de promover un debate público e a adopción de acordos para promover a súa implantación.

Neste senso, o pasado 23 de xaneiro, o Consello de Europa reclamou por maioría absoluta a posta en marcha da Renda Básica Universal en Europa.

Dende o Grupo Municipal de Compostela Aberta, en resposta á iniciativa do Colectivo pola Renda Básica de Compostela, queremos apoiar este importante posicionamento, uníndonos á súa petición de abrir xa ese debate en profundidade que se reclama, que pensamos debería facerse a todos os niveis institucionais: municipal, autonómico e estatal.

En palabras de Concha Fernández “É o momento de facer pedagoxía sobre a Renda Básica Universal como ferramenta imprescindible no futuro para eliminar a pobreza, a desigualdade e a exclusión social.”

Para Manuel López, membro do Colectivo de Renda Básica de Santiago de Compostela, “o actual Estado do Benestar está colapsando e neste escenario a implantación RBU suporía unha revolución e un cambio de paradigma que permitiría establecer un novo contrato social”.

A Renda Básica Universal como novo dereito cidadán
Defendemos a Renda Básica Universal como un novo dereito cidadán que significaría unha situación de dignidade material para a totalidade da poboación, rematando de vez coa pobreza, eliminando á súa vez a condicionalidade das actuais “rendas de integración” con claras vantaxes sobre ás mesmas, en concreto:

– Un menor gasto en controis, inspeccións, etc (o que supón unha cantidade moi superior ao que normalmente se pensa).

– Maior dignidade, evitándose a estigmatización da pobreza  asociada ás prestacións condicionadas.

– Eliminación da “trampa da pobreza”, que podemos definir brevemente como: a penalización que comporta a unha persoa beneficiaria dun subsidio condicionado aceptar un traballo remunerado.

A súa necesidade amósase tamén como vía para solucionar os problemas económicos derivados dos avances tecnolóxicos que se están sucedendo a consecuencia dos avances en automatización e robotización do traballo.

Resaltar que en todos os casos estes organismos (Consello de Europa, Fondo Monetario Internacional ou Fondo Económico Mundial) falan da Renda Básica como de un dereito dentro do actual estado de benestar e non substitutivo deste, como se pretende dende ideoloxías neo-liberais. Evidentemente non se pode entender unha Renda Básica suficiente senón é dentro dun sistema que garanta os servizos básicos públicos para toda a poboación. A Sanidade, a Educación, as Axudas á Dependencia e ás Situacións de emerxencia social, entre elas, deben de estar garantidas.

Como di Concha Fernández, “concellos como o de Santiago puxeron en marcha ordenanzas de garantía básica cidadá e prestacións de rescate. Pero atopamos un sistema absolutamente fragmentado e insuficiente para garantir a vida digna da veciñanza.”

Proposta de acordos
Por todo isto, o grupo municipal de Compostela Aberta propón ao Pleno do concello fomentar debate público e apoiar a resolución do Consello de Europa en favor da Renda Básica Universal e instar ao goberno do Estado a que desenvolva as medidas necesarias para implantala.

Tamén instamos a que a Xunta promova un debate público e adopte as medidas necesarias para avanzar cara ela no marco das súas competencias.

Aquí podes ler a moción completa: Moción Compostela Aberta Renda Básica Universal

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies