A voceira do grupo municipal de Compostela Aberta, Marta Lois, anunciou hoxe coa voceira do BNG, Goretti Sanmartín e a concelleira do PSdG-PSOE, Mila Castro, o apoio das tres formacións políticas á folga feminista do 8 de marzo. As tres concelleiras coincidiron en sinalar o 8 de marzo como un día “histórico e fundamental para loitas contra as desigualdades e as violencias machistas”.

Marta Lois animou a todas as mulleres a que “se sumen á folga e ás mobilizacións do 8 de marzo que están a ser impulsadas polo movemento feminista” a sinalou que “esta folga é máis necesaria ca nunca tras os importantes retrocesos que estamos a vivir nos dereitos das mulleres”. Así, criticou o discurso machista e retrógrado do líder estatal do Partido Popular, Pablo Casado, e as contradiccións nas que “vive instalado o PpdG e o señor Feijoo, que non dubida en facerse unha foto con Casado en Vigo un día e falar de terrorismo machista o seguinte”.

Compostela Aberta quere amosar así o seu apoio absoluto á folga do 8 de marzo, non só como medida de loita ante as actitudes e os discursos machistas da extrema dereita senón tamén como forma de denunciar as desigualdades que seguen existindo no día a día das mulleres. O salario bruto dunha muller segue a ser 192 euros menor que o dun home, cobrando eles un euro máis ca elas polo mesmo traballo. Ademais, as prestacións sociais amosan unha maior fenda de xénero se cabe, cun 31% máis de recursos para os homes que para as mulleres. CA quere animar tamén ás mulleres a que fagan folga de coidados, xa que é no fogar onde se observan tamén grandes desigualdades de xénero.

Na mesma liña se pronunciaron as edís do resto de grupos de esquerda en Raxoi, que se suman á folga do 8 de marzo. Mila Castro puxo o foco “nas 984 mulleres vítimas de violencia machista dende o 2003” e Goretti Sanmartín apostou “por dan un paso máis nas reivindicacións e mobilizacións feministas”.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies