O Pleno da Deputación Provincial da Coruña aprobou, co voto en contra do PP de Agustín Hernández, unha moción conxunta de Compostela Aberta, PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños, pola continuidade do Diario Cultural e das desconexións locais informativas da Radio Galega.
Manuel Dios comezou a súa intervención explicando que os principios fundacionais da Compañía son “contribuír á normalización da lingua galega e á difusión da cultura propia”, así como “actuar con respecto á obxectividade e á veracidade informativa, distinguindo claramente entre información e opinión”.
Porén, o deputado de CA denunciou que o Gobeno do PP na Xunta incumpre estes principios, tal e como veñen reiterando “as magníficas e magníficos profesionais que están a padecer as presións dos seus superiores corporativos e políticos; persoas valentes que non se achantan”.
Neste marco de manipulación política, Dios encadrou a recente decisión da dirección da CRTVG de suprimir as desconexións informativas radiofónicas, para substituílas por contidos elaborados na sede central da compañía, algo que para o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia significa restar independencia aos e ás redactoras. “Estamos, sen dúbida, ante un intento do Partido Popular de controlar a información local a apenas uns meses antes das eleccións municipais”.
Supresión do Diario Cultural
Outra das medidas anunciadas pola dirección da CRTVG é a eliminación do formato actual do Diario Cultural, un programa que leva 28 anos en antena e que se verá “substituído por programas xenéricos e diluídos na programación xeral da Radio”, afirmou Manuel Dios.
Lembrou que non é a primeira decisión do Partido Popular en contra de programas de cultura galega na radio pública, pois “a presenza da cultura propia nas emisións da CRTVG é cada vez menor, coa supresión de programas como Planeta Furancho en 2015”, ou a eliminación da sección de opinión do propio Diario Cultural en 2009, unha das primeiras decisións do PP tras a chegada de Feijóo á Xunta.
Manuel Dios esixiu ao PP o cumprimento da Lei de medios audiovisuais públicos de galicia, para poder contar cuns medios “libres, imparciais, e independentes das presións do poder político, e que atendan á promoción e difusión da cultura e linguas galegas”.
Para o voceiro popular, Agustín Hernández, esta moción tan só respostou á defensa do interese laboral dunha persoa en particular, algo que foi rexeitado pola vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín.