Vivimos tempos nos que a mafia organizada que durante anos fixo da corrupción e do saqueo do público o seu modo de subsistencia, difama con impunidade, esixindo do acusado que demostre a súa inocencia.

Esta semana o Partido Popular e os seus tentáculos mediáticos acusan a Compostela Aberta de beneficiar con decenas de contratos a dedo a familiares e afíns, A esterqueira (des)informativa non entende de verdades nin de vítimas colaterais. Falamos de persoas e empresas que na ampla maioría dos casos xa traballaban con gobernos anteriores (si, tamén co PP!) ou con outros concellos e administracións gobernados por outras forzas (si, tamén o PP!).

Que será o seguinte? Denunciar ás máis de 16.000 persoas que votaron por Compostela Aberta en 2015? Por que non denuncian os contratos que o Concello de Santiago ten con familiares e empresas afíns co PP?

Pouco importan os feitos, os desmentidos desde o minuto un do goberno ou que resulte imposible que ninguén demostre a existencia desa suposta rede clientelar con decenas de contratos a familiares e afíns xa que non existe. Unha rede clientelar que, orquestada polo propio PP de Galicia, xa parece estender os seus tentáculos máis alá dos límites municipais, sen que lle importe o máis mínimo o dano causado a terceiros. Unha mostra máis da súa desesperación e do “todo vale” no que están instalados.

Aquí tedes unha explicación de Martiño de como funciona esta imprenta analóxica e dixital de ‘fake news’ da dereita. Desta campaña propia da mafia terán que responder ante os tribunais, porque aínda que o ladrón crea que todos son da súa condición, nin todo vale, nin somos como eles.

Os voceiros da infamia
Da maquinaria da infamia do PP e dos seus apoios mediáticos xa sabemos de hai tempo. Aínda así, resulta especialmente lamentable ver como medios como La Voz de Galicia se apuntan tamén a esta estratexia do todo vale contra Compostela Aberta asemellándose cada vez máis á desquiciada liña editorial de El Correo Gallego.

Hoxe mesmo La Voz de Galicia acusa a Compostela Aberta de beneficiar con 166.000 euros a empresas do tecido social, cultural e asociativo da cidade. Na súa caza de bruxas nin se tomaron a molestia de comprobar que esas supostas “empresas afíns” cobraron máis durante a etapa do PP que con Compostela Aberta. E foron contratadas pola súa valía, traxectoria e recoñecido prestixio.

Levamos meses observando esta ‘correízación’ de La Voz e como a hostilidade habitual dende 2015 se converte nunha lameira bulos e noticias falseadas sen contrastar. Aquí podedes ver un bo exemplo:

Coas eleccións de maio no horizonte, teñen moi claro que Compostela Aberta e Martiño Noriega son as pezas a abatir e que os intereses a defender nin son os da veciñanza nin é o dereito á información veraz e de calidade.

No fondo, todo forma parte dunha loita na que algúns seguen sen perdoar que os moveran dunhas institucións nas que se crían con dereito de pernada. Porque xa o dixo co seu clasismo habitual o propio Agustín Hernández nun pleno do Concello, “no 2014 nós estábamos gobernando e vós estabades na rúa, no inframundo.” Por iso isto non é máis que unha ‘omertá’, as técnicas da mafia

Pero contra a súa infamia e a mafia, témolo claro: honestidade e democracia.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies