Dende a chegada de Compostela Aberta ao goberno de Santiago estamos ben afeitos ás esaxeracións, bulos e as agora coñecidas como “Fake news”. Mentres CA abre portadas e telexornais con noticias falsas, hai que buscar con lupa os desementidos se é que algún día aparecen.

Aínda así, o que aconteceu o pasado luns co ataque ao concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte supera todas as liñas vermellas. E por iso nos parece relevante contar a unha explicación de como opera a dereita e do manexo dos seus instrumentos mediáticos para difamar e espallar as sospeitas de corrupción que son tan habituais no seu partido.

Aí vai, con luces e taquígrafos, a cronoloxía desta infamia.

1) Sábado 12 de xaneiro. Durante o acto de presentación de candidatos ás cidades do PP, Agustín Hernandez lanza unha grave acusación ao Goberno de Compostela Aberta de ter repartido máis de 7 millóns a “unha rede de amigos”.

Si, o PP dos 3 alcaldes en catros anos, o que converteu a Santiago en capital dos escándalos de corrupción, o PP da Vendex, da Pokémon, dos “regalos de la hostia”, acusando de novo sen probas de prevaricación e corrupción a outro partido.

.
.
2) Luns 14 de xaneiro. Ás 7 da mañá, o panfleto OK Diario lanza unha noticia titulada “Un concejal de Podemos concedió a su ex socio arquitecto una reforma pública de 158.500 €”, en referencia a Jorge Duarte. “Casualmente” a mesma liña argumental que a empregada por Agustín Hernández menos de 48 horas antes.

3)  Apenas 3 horas despois, o Partido Popular de Santiago convoca aos medios para as 12h.

Unha rapidez nada habitual, pero si que recorda a casos similares onde o propio Ok Diario lanza unha “noticia-cebo” como avanzadilla que serve como excusa para que o PP faga a súa intervención e consiga eco mediático.

Na rolda de prensa, o concelleiro Alejandro Sánchez-Brunete pide explicacións ao goberno de Compostela Aberta, coidándose moito de facer acusacións directas que sabe que lle poderían traer problemas legais. En todo caso, o seu obxetivo xa estaba conseguido, sementar dúbidas e espallar a esterqueira mediática sabendo que outros medios afíns o recollerían.

O modus operandi repítese: a “Brunete Mediática” apunta, e o “Brunete Mediático” dispara.

A destacar que na rolda de prensa -lembremos, convocada con moito menos tempo do habitual- aparece rapidamente un equipo da Televisión de Galicia, que apenas adoita facer cobertura de temas locais do Concello salvo que apareza un tema especialmente relevante na axenda. Esta ‘exclusiva’ do panfleto OK Diario parecía digna de tal recoñecemento…

.
4) Luns 14 ás 12h10, Coincidindo coas declaracións de Sánchez Brunete, o equipo de prensa do Concello facilita toda a documentación e os expedientes que desmontan a acusación de Ok Diario. Dado que :

– O arquitecto supostamente beneficiado por Compostela Aberta redactou o proxecto… no ano 2003 (14 anos antes da fundación de Compostela Aberta…).
– A Concellería de Igualdade encárgalle a este arquitecto unha actualización do proxecto en lugar de encomedar un novo dende cero que sería moito maís custoso.
Por este traballo cobrará 5.000 euros + IVA, nada que ver cos 158.000 euros dos que fala OK Diario.
– E para rematar, Jorge Duarte non interveu en ningún momento da tramitación como demostran os documentos aportados.

O propio Jorge Duarte comparece para dar explicacións. Curiosamente, nin a TVG, nin La Voz de Galicia nin El Correo Gallego -por citar a algúns- amosan o máis mínimo afán de coñecer a versión do acusado.  O guión xa estaba escrito.

.
.
[Actualización 22/01/19: a TVG demostrou interese en coñecer a versión de Jorge Duarte… máis dunha semana despois. Dende o Concello rexeitouse volver falar do tema]

Aquí podes ver os documentos aportados polo Concello onde se pode comprobar que Jorge Duarte non intervén no expediente e que a cantidade consignada para a modificación do proxecto era de 5000 euros + IVA.


5) Luns 14 ás 13h30, o alcalde Martiño Noriega é entrevistado na Radio Galega e cuestionado por este asunto. Comenta os mesmos argumentos aclaratorios e é tal a evidencia que a entrevistadora nin insiste na cuestión. A entrevista será gravada en vídeo. Aquí podes escoitar a explicación a partir do minuto 3:30.


.
6) O Telexornal a TVG emite unha peza absolutamente tendenciosa na que se ignoran por completo as explicacións dadas por Jorge Duarte e Martiño Noriega e na que o foco se centra na denuncia do PP. Nin dereito á defensa, nin posibilidade de réplica, nin unha soa mención ás probas documentais aportadas polo Concello.

.
Durante o día de onte, traballadoras e traballadores da CRTVG pedíronos desculpas polo tratamento informativo insinuando que se trataba de ordes de cadros superiores.

Despois disto, alguén segue sen entender por que o persoal da CRTVG leva 34 semanas concentrándose contra a manipulación informativa dos nosos medios públicos? En días como estes a campaña #DefendeAGalega ten máis sentido que nunca.

 

7) Ás 17h44, cinco Horas despois, La Voz de Galicia repite o mesmo esquema esquivando que a fonte orixinal é o panfleto Ok Diario poñendo o foco na denuncia do PP, deixando en discreto segundo plano as explicacións de Jorge Duarte e sen expoñer as probas documentais aportadas por Compostela Aberta.

 

Despois de todo isto, alguén dubida que o guión leva días escrito e que a maquinaria do política do esterco do PP xa se puxera en marcha con independencia de cal fose a verdade?

Pero que teimen en seguir facendo política-lixo amparados polos seus altofalantes mediáticos. Igual que en ocasións anteriores, terán que responder antes os tribunais. Pero en todo caso, non conseguirán os eu obxectivo. Nin todos somos iguais, nin todo vale.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies