O goberno de Compostela Aberta presentou este mércores o redeseño do viario Clara Campoamor que servirá de acceso á futura estación de buses. Un redeseño que aproveitará a oportunidade da Intermodal para darlle unha dimensión máis humanizada esta zona da cidade ao mesmo tempo que se garante o funcionamento dos autobuses en base a numerosos estudos de Tráfico realizados tanto polo Concello como por empresas externas.

Como explicou o concelleiro de Espazos Cidadáns Jorge Duarte, este viario en forma de bulevar terá tres carrís, un en cada sentido de circulación e outro central con dobre uso: carril de incorporación e saída dos buses e carril adicional de circulación nos accesos ás rotondas do Restollal e de Sar.

E posto que máis do 65% dos accesos á actual estación de autobús se realizan caminando, é necesario darlle á futura estación unha dimensión máis humanizada, a través de beirrarúas máis anchas e unha plataforma elevada semellante á de Montero Ríos para conectar a futura praza pública da estación coa zona do Restollal e as Brañas do Sar.

E seguindo as recomendacións dos informes técnicos e de tráfico, a regulación dos accesos e saídas á estación farase mediante semáforos, con carril bici nas dúas marxes.

Fronte a alarmismo, sentido común e datos reais
Polo tanto, Compostela contará a partir do 2020 cuns viario que conciliará a eficacia e axilidade do tráfico cunha dimensión máis humanizada acorde a mobilidade do futuro necesaria para Compostela.

Duarte explicou que os datos actualizados tendo en conta o novo Plan de Transportes da Xunta din que na estación entrarán e sairán 430 autobuses diarios, moi lonxo dos 850 cos que o candidato do Partido Socialista quixo alarmar hai uns días sobre o posible colapso da estación.

Atendendo ás recomendacións e estudos de Tráfico, este fluxo regularase sen problema con semáforos e interrupcións cada tres minutos “unha cadencia normal en calquera rúa”.

Hai que ter en conta ademais que os 230 autobuses metropolitanos que actualmente se deteñen diariamente na rúa da Rosa pasarán agora a unha dársena na rúa do Hórreo, atendendo unha vella demanda da veciñanza da Rosa que se queixaba do ruído e o excesivo tráfico.

Podes ampliar información e ver todos os detalles na web do Concello

E aquí podes ver todos os planos do proxecto.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies