A continuación presentámosvos ás persoas candidatas aos órganos de Compostela Aberta. A orde de presentación tanto na web como nas papeletas responde á orde alfabética de primeiro apelido comezando na letra K, letra resultante do sorteo da Xunta de Galicia para selección de persoal para o ano 2017, DOG 30/1/2017).

COORDINADORA – Poderemos marcar na papeleta entre 0 e 8 persoas

Raquel López Noia (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

CAmiñando dende o Grupo de Traballo de Patrimonio, Turismo e Camiño. Traballando polo noso pasado dende o presente, para gozalo nós e compartilo coas persoas que nos visitan. Procurando o equilibro que nos permita convivir co noso Patrimonio Cultural e coa súa explotación turística máis respectuosa. CAmiñando xuntas por un enriquecemento social e cultural.

Mariluz López Pardal

Presento a miña candidatura co ilusión a responsabilidades e o bo facer dunha muller do común.Con experiencia na loita diaria polos dereitos das xentes esquecidas do sistema. Comprometida durante anos de manera activa na defensa do ensino público de calidade, participando en distintos organismos de reprensatibilidade da comunidades educativa. Ou contamos todas ou ningunha.

Flora Miranda Pena (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Porque sigo convencida da necesidade de construir e ocupar espazos onde desenvolver o noso modelo de cidade (e país) onde vivir apostando -en firme oposición ás máis tristes realidades- polo sistema público de benestar e cohesión social. Porque percibo que CA é maioritariamente un entorno de traballo amable, xeneroso, construtivo, fomos quen de tecer redes que convén estender e reforzar. Outra motivación fundamental é traballar polo feminismo e a consolidación do espazo público de nós, mulleres.

 

Alexandra Pacheco González (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Casco Histórico. CAmiñando dende a área de COMUNICACIÓN coa vontade de seguir construíndo xuntas a cidade que queremos e merecemos. En 2017 fago media vida en Santiago. Vin nacer Compostela Aberta, logo En Marea e sempre estarei alí onde haxa que remar do #Eu cara ao #Nós. Penso que estes dous anos que quedan por diante ata as vindeiras eleccións locais son fundamentais para consolidar CA e seguir sumando xente e pluralidade ao proxecto. De nós depende…Avante

 

Mabela Porta

Nai. Pedagoga e mestra de inglés e infantil, desempregada. Filla de obreiros, que dende ben nena aprendeu que ou os de abaixo nos organizamos e loitamos polo noso, ou mexan por nós e dirán que chove. Participante en CompostelaAberta dende o seu comezo, formei parte da primeira coordinadora que se formou. Candidata na lista de CA ás eleccións municipais como número 12, fun a candidata independente (sen ir en lista) e sen apoio de ningún partido, máis votada nas primarias de CA.

 

Iago Raposo (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Meixonfrío. CAmiñando desde os Grupos de Traballo e desde case os comezos de CA, desde outubro de 2014. Picheleiro e involucrado no asociacionismo desde hai anos. O traballo colaborativo, a forza do movemento, a ilusión..son os motor dunha cidadanía activa e viva. CAmiñando xuntas pola Compostela que queremos máis.

 

André Seoane Antelo (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

CAmiñando por unha cidade que constrúe o seu futuro orgullosa da súa historia. Compostela e a cidade na que nacín e na que levo vivindo toda a miña vida. Implicado no seu tecido asociativo desde novo e comprometido actualmente con esta ferramenta política que conseguiu pór o goberno municipal ao servizo da maioría.

 

Antía Soto González

Levo vivindo en Compostela toda a miña vida. Participei nas eleccións municipais de CA e na anterior coordenadora. Aposto por unha equipa de traballo cohesionada e comprometida, e por unha política diferente, baseada no principio de democracia participativa, a cal require dun modelo de cidade alternativo, que faga da sustentibilidade social e medioambiental un dos seus sinais de identidade, que se enfronte á especulación e que defensa servicios públicos de calidade como garantia de igualdade.

 

 

Myriam Vidal Tomé (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Camiñando xuntas dende os barrios. Compostelá por elección e de Barrio por convicción. Colaboro dende hai anos no movemento veciñal do Barrio de San Pedro. Só se construímos a nosa cidade dende abaixo, contando con todas a veciñanza, acadaremos a cidade que queremos.

 

Xosé Santiago Allegue Fernández (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Como Arquitecto coñecedor dos mecanismos de gobernanza da cidade, creo que é necesario impulsar dende a coordinadora de CA a creación dunha Escola de Municipalismo que promova a presencia en Compostela das responsables técnicas, políticas e xurídicas de experiencias exitosas de xestión noutras cidades do cambio, moi particularmente en relación á remunicipalización dos servicios. Fixen parte da Coordenadora de CA no ilusionante proceso das Municipais de 2015.

 

Pepe Arias (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Fontiñas. CAmiñando para construir unha capital con verdadeira XUSTIZA SOCIAL. Formei parte do comité de campaña de Compostela Aberta co que gañamos un concello aberto na primavera municipalista de 2015. Colaboro en diferentes medios de comunicación, e son o coordinador de Anova-Compostela. Agora pretendo dar o relevo para seguir sumando e traballando por un Santiago para todas.

 

Álex Botello (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

CAmiñando Xuntas por unha Compostela máis amable e máis accesible para as persoas. Levo a Coordinación do Grupo de Traballo de Mobilidade e Espazos Cidadáns. As políticas polo ben común e devolver o poder ás maiorías agredidas, son algúns dos piares polos que me movo desde CA.

 

Sigrid Campo Regueiro (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

CAmiñado xuntas para construír unha cidade para todas. Nacín en Lugo, pero levo un ano residindo en Compostela, onde traballo. De xeito que son unha desas miles de persoas que forman esta cidade por elección. Actualmente formo parte do consello cidadá galego de Podemos, dende o cal sempre apostei por Compostela Aberta, porque defendo a política feita pola xente do común, dende abaixo, sen siglas nin bandeiras, como o mellor xeito para facer as políticas que as maiorías precisamos.

 

Duarte Crestar Pena (CAmiñando Xuntas Documento político da candidatura)

Barrio de San Pedro. No barrio desde finais dos 80. Antimilitarista e insubmiso nos 90. Agora na Educación Social, no Colectivo de Renda Básica Universal, así como coordino o grupo de traballo de políticas sociais de CA e axudo nalgunhas outras cousas. Camiñando desde a esperanza en encontrarmos como ir facendo un camiño de confluencia.

 

COMISIÓN DE MEDIACIÓN E GARANTÍAS – Ao terse presentado menor número de persoas que postos na comisión, as catro persoas candidatas, e por decisión da comisión electoral, quedan automaticamente elixidas para formar dita comisión. Preséntámosvolas a continuación

Fernando Rei Maio

É veciño do barrio de Santa Marta. Dende fai 11 anos traballa no Conservatorio Profesional de Música de Compostela como Profesor de trompeta, labor que vén compaxinando nos últimos anos coa función de delegado sindical no eido educativo. Participa en Compostela Aberta dende as súas orixes. Participa con regularidade nos grupos de traballo de Educación e Cultura, exercendo durante boa parte do ano 2016, como coordinador do primeiro (educación)

 

Iolanda Rei Rodríguez

O que me motiva a candidatarme á Comisión de Mediación e Garantías de Compostela Aberta é a vontade de seguir colaborando neste proxecto colectivo de cidade que comparto plenamente e que considero imprescindible para facer de Compostela unha cidade inclusiva, amable, solidaria, alegre, e na que a xente sexa a protagonista.

 

Cibrán Santamarina Ríos

Candidátome porque quero botar unha man ó proxecto político que rescatou a Santiago da lama na que a enzoufara o anterior goberno. Porque estou en sintonía coa idea da unidade política arredor do estado social, as institucións ao servizo da maioría e un proxecto de cidade e de país dos que sentir orgullo. Porque penso que CA representa todo iso e porque creo que o equipo de goberno precisa un respaldo organizativo póñome á vosa disposición.

 

Marisa González Seoane

Veciña de Compostela, Auxiliar de Enfermería e Licenciada en Dereito, exercendo os últimos anos como Avogada en turno de oficio, inspectora de Urbanismo, Secretaría Técnica da Consellería de Innovación e Industria. Interese por colaborar aquí é por achegar independencia e neutralidade, traballar e garantir que o funcionamento de CA se axuste aos principios democráticos de participación e transparencia así como o respeto aos documentos, os seus regulamentos e demais protocolos ou convencións aprobados asambleariamente.