Ante os feitos ocorridos na xornada deste martes relacionados co desaloxo do Centro Social de Escárnio e Maldizer na Algalia, Compostela Aberta manifesta o seu profundo rexeitamento ante todo tipo de violencias así como os inadmisibles danos ao mobiliario urbano, locais comerciais e patrimonio da cidade. É intolerable que unha manifestación en apoio da defensa de espazos sociais e culturais sexa aproveitada para iniciar unha batalla campal. Cómpre unha reflexión de todas as persoas, colectivos e forzas implicadas porque este tipo de accións só valen para alimentar o discurso represivo.

Reiteramos tamén o que xa dixemos despois do desafiuzamento. O centro da Algalia non presentaba ningún problema nin de convivencia nin de seguridade e dotaba de actividade cultural a un edificio histórico e emblemático da Zona Vella. Por iso lamentamos o uso desproporcionado da forza en vez da búsqueda de solucións negociadas.

Como ben se demostrou nos incidentes deste martes, intervencións desmedidas da policía nacional fomentan e xeran a aparición de problemas de convivencia onde non os había. Dende Compostela Aberta sempre defenderemos as manifestacións culturais de iniciativa popular, incluídas as que optan por funcionar á marxe das institucións. Veremos sempre con bos ollos a rehabilitación e dinamización de espazos e edificios, especialmente nunha zona tan sensible e necesitada como a Zona Vella. A actuación inmediatamente posterior ao desaloxo do centro da Algalia, tapiando con bloques de cemento un inmoble en pleno casco vello dunha cidade Patrimonio da Humanidade non nos fai ser optimistas. Temos a seguridade de que a veciñanza de Santiago prefire espazos vivos a fiestras tapadas con cemento.

Aproveitamos para mostrar o noso rexeitamento a este actuación de tapiado completamente irregular e contraditoria coas normas urbanísticas e de Patrimonio e  celebramos a celeridade do goberno municipal na apertura de expediente sancionador á propiedade do inmoble.

 

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies