Ferrol en Común, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Marea de Vigo únense para dar voz ás demandas do municipalismo galego

As voceiras das catro formacións mantirevon un encontro en Ferrol, no que recolleron o traballo dos gobernos locais e defenderon a autonomía local, as políticas de xustiza social, medio ambiente, feminismo, coidados e vivenda, entre outros 
  • Estas xuntanzas desenvolveranse de forma periódica e irán sumando a outros proxectos municipalistas

Ferrol en Común, a Marea Atlántica, Compostela Aberta e Marea de Vigo mantiveron hoxe un encontro en Ferrol para analizar os retos do espazo municipalista en Galicia e unir forzas na reivindicación da autonomía local dentro do novo marco político. As voceiras e voceiros das catro formacións compartiron ideas e proxectos na que foi a súa primeira xuntanza tras o longo ciclo electoral que rematou coas últimas eleccións xerais e a chegada dun goberno progresista á Moncloa. 

No encontro participaron Jorge Suárez e Xiana Penedo, por Ferrol en Común; María García e Iago Martínez, pola Marea Atlántica; Martiño Noriega e Marta Lois, por Compostela Aberta; e Rubén Pérez e Oriana Méndez, pola Marea de Vigo. Estes encontros de coordinación terán continuidade e iranse ampliando no futuro coa presenza doutras formacións municipalistas. 

Como sinalou Jorge Suárez, o obxectivo deste encontro foi “a reivindicación dunha política de proximidade, que poña as persoas no centro e teña o ben común como obxectivo”, e unir forzas “nun momento crucial no país, cando temos por diante un ciclo electoral que abre unha oportunidade para un cambio na Xunta, cun goberno que poña as cidades no lugar que merecen”, en lugar de combatelas como fixo Feijóo ata o de agora.

María García engadiou que “o obxectivo é elevar unha voz unánime para transmitir as demandas das cidades ao resto das administracións, tanto á Xunta como ao goberno do Estado”, e lembrou que “compartimos posicionamentos políticos en xustiza social, dereito a cidade. compromiso ambiental, ou feminismo, entre outras áreas, e padecemos as mesmas carencias nos nosos municipios”. 

Contra as leis de austeridade 

A voceira da Marea Atlántica referiuse tamén a políticas concretas que afectan ás catro cidades, como as abusivas peaxes da autoestrada AP9, as malas conexións por ferrocarril con Ferrol e Lugo, a tendencia do Ministerio de Defensa a especular coas súas propiedades en lugar de cedelas como espazo público, e os diferentes proxectos de estacións intermodais. E reclamou “a fin da asfixia que supoñen as leis de austeridade, que hipotecan a capacidade dos concellos para investir en servizos para a cidadanía, e favorecen as privatizacións”. 

Nestes punto estivo de acordo Rubén Perez: “Temos un reto político polo que debemos pular:  É fundamental a derogación de leis como a Lei Montoro, que leva anos oprimindo ás administracións locais e impendindo o desenvolvemento de políticas con sostenibilidade democrática e social nas que os concellos poidan investir na mellora da vida das persoas”.

O portavoz da Marea de Vigo defendeu, ademais, “o traballo político realizado no anterior mandato polos gobernos de Ferrol, A Coruña e Compostela como un referente no municipalismo galego, con logros como a democratización dos espazos públicos, os orzamentos participativos ou a loita contra a pobreza, elementos fundamentais que se deben seguir desenvolvendo”.

Finalmente, Martiño Noriega sinalou que “os grupos municipais que estamos aquí representamos a máis de 50.000 persoas que nos votaron en maio. É a nosa obriga cooperar para abrir debates, utilizar o noso capital político e a experiencia institucional e de goberno para mudar as políticas no país”. 

Desde a experiencia de Compostela Aberta, Noriega botou a vista atrás e asegurou que “seguiremos desafiando os poderes fácticos, porque estase a demostrar que o problema non era o que faciamos, senón quen eramos. Hoxe en Santiago mantéñense os nosos grandes proxectos e as accións que eran atacadas sistematicamente cando CA gobernaba, e o mesmo sucede na Coruña e Ferrol”.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

CA recuperará e ampliará os Orzamentos Participativos “porque a veciñanza debe decidir máis alá das eleccións”

María Rozas: “A veciñanza de Santiago tén dereito a participar das decisións que lle afectan, e o Goberno tén a obriga de render contas”

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo