Compostela Aberta comprométese a duplicar o gasto social actual do Concello de Santiago

compostela_aberta_ao_deporte_web

  • O investimento social actual é o segundo máis baixo das sete cidades, só 55€/hab, con 18.000 persoas en risco de pobreza e exclusión. Fronte a isto, a candidatura de unidade popular aposta por alcanzar os 110€/hab para políticas sociais.
  • Martiño Noriega: “durante as campañas, o PP procura facerse ‘fotos’ con persoas con necesidades, como mero instrumento propagandístico, o que dá boa mostra dos poucos escrúpulos que teñen”.
  • Concha Fernández: “Duplicar o investimento social non é só unha cuestión económica, significa inverter a orde de prioridades situando primeiro ás persoas, é unha cuestión de dereitos fundamentais, de dignidade e de xustiza redistributiva”.



Santiago, 27.abril.2015.-
“Actuar contra a actual emerxencia social e colocar ás persoas como prioridade” serán dous dos piares básicos da acción de goberno de Compostela Aberta despois do 24 de maio. Así o manifestou esta mañá o candidato á alcaldía, Martiño Noriega, nunha intervención na que estivo acompañado de Concha Fernández, candidata número 6 e responsábel de políticas sociais do programa da candidatura. Noriega salientou que “alén da transparencia e da participación, os outros dous principais alicerces da actuación de Compostela Aberta serán o ámbito cultural e a cuestión social”. Lembrando que o investimento en Santiago en protección e promoción social “é totalmente insuficiente, sendo a segunda cidade que menos inviste das sete grandes urbes galegas, o que provoca que un 18,7% da poboación se sitúe en risco de pobreza e exclusión, ou o que é o mesmo, máis de 18.000 veciñas e veciños de Compostela”.
“Para nós as políticas sociais son básicas, e aínda máis nun momento en que as persoas necesitan a axuda da administración local, a mais próxima aos seus problemas” engadiu o candidato. “Unha forma de actuar diametralmente oposta ao PP, que recorta en servizos sociais” e despois “durante as campañas, procura facerse ‘fotos’ con persoas con necesidades, como mero instrumento propagandístico, o que dá boa mostra dos poucos escrúpulos que teñen” sentenciou. Ou tamén propostas como a recente do programa ‘Santiago Suma’ aprobado a un mes das eleccións “sen planificación, sen orzamento suficiente e sen contar coas asociacións e profesionais do ámbito, medidas electoralistas a conta de quen sufre as consecuencias das políticas de austeridade e desmantelamento dos servizos públicos impulsadas polo PP” concluíu Noriega.
As persoas como prioridade
Foi Concha Fernández quen introduciu as propostas programáticas que Compostela Aberta pensa efectivizar unha vez chegue ao goberno. Como medida principal situou “o compromiso de aumentar o investimento social até 110€/hab, recollendo a proposta da ‘Rede galega contra a pobreza’ que en Santiago significaría multiplicar por dous o investimento actual”. “Duplicar este investimento social non é só unha cuestión económica” sinalou, “significa inverter a orde de prioridades situando primeiro ás persoas, é unha cuestión de direitos fundamentais, de dignidade e de xustiza redistributiva” resaltou. Mudar a orde de prioridades significa mudar tamén o xeito de facer políticas sociais procurando a “coparticipación e a corresponsabilidade da sociedade civil, cos colectivos profesionais, coas entidades e asociacións, con quen traballa ‘a pé de obra’ para poder elaborar plans de actuación partillados e sustentábeis a longo prazo”.
Dentro das propostas e actuacións Compostela Aberta propón medidas concretas para “avanzar na loita contra a pobreza e a exclusión social como a creación do fondo local contra a pobreza, coordinar servizos e recursos para actuar nun máximo de 10 días nos casos de maior emerxencia, crear unha bolsa para a axuda no pagamento dos servizos básicos ou crear un servizo municipal de atención integral a persoas sen fogar”. Para “avanzar na autonomía e empoderamento das persoas as propostas da candidatura centraranse na formación e educación desenvolvendo programas específicos para mellorar habilidades e competencias, ou propostas en materia de emprego como garantir o cumprimento da normativa en materia de cláusulas sociais nas empresas municipais e concesionarias, ou elaborar un plan de inclusión social e laboral dos grupos máis vulnerábeis e que podería ser coordenado desde Promoción Económica” explicou Concha Fernández.
No ámbito do Benestar, a futura concelleira, explicou que se traballará co obxectivo de “mellorar a calidade de vida das persoas, en especial as dependentes” incorporando Santiago “á rede de cidade amigábeis coas persoas de maior idade” na liña de “construír unha cidade inclusiva e accesíbel que poña en valor a diversidade fortalecendo o respecto, a convivencia e o recoñecemento e aceptación das diferencias”. Como último punto destacou a necesidade de “valorizar as tarefas de coidado e apoio ás persoas dependentes, promovendo e apoiando as iniciativas sociais e os servizos de axuda no domicilio e tarefas de coidado dedicados ao coidado e benestar das persoas dependentes”.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo