Martiño Noriega anunciou na asemblea xeral de CA a súa dispoñibilidade para repetir como candidato á alcaldía para as eleccións municipais do 2019 se así o considera o espazo de Compostela Aberta, coa intención de consolidar o proxecto renovador iniciado hai algo máis de tres anos e medio.

Noriega expuxo dous motivos fundamentais para anunciar a súa candidatura. En primeiro lugar, a necesidade de consolidar a etapa aberta en maio do 2015 deixando atrás a corrupción do mandato anterior. “Nesta etapa multiplicamos o orzamento para políticas sociais e para mantemento, facendo esforzos para recuperar o latexo cultural ou zonas naturais do Sar e do Sarela. Tamén desbloqueamos entre todas e todos infraestruturas das que se levaba anos falando e puxemos en marcha mecanismos de participación que nos corresponsabilizan a todos.”

E por outro lado, o segundo motivo é a necesidade de que a veciñanza ratifique este proxecto que foi posto en cuestión por moitos poderes fácticos que non asumiron o resultado de 2015. “Sodes imprescindibles neste camiño de recuperar o orgullo de cidade e de capitalidade.”

Martiño tamén deixou unha advertencia sobre o traballo que queda por facer. “Este anuncio non significa entrar en campaña electoral. Temos moito por facer nestes meses. Buscar solucións cada día a moitos problemas sabendo que quedan moitos máis por resolver. Pero coa vosa axuda conseguirémolo. Sen vós non somos nada. Con vós, podémolo todo.”

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies