O persoal da Televisión de Galicia leva en loita dende hai máis de 30 semanas pola defensa dos medios públicos e contra a manipulación informativa, coa campaña dos “Venres Negros” e “Defende a Galega

Na xornada de onte, traballadoras e traballadores da TVG fixéronse eco da carta remitida polo xefe de Gabinete da alcaldía, Miguel Penas, á redactora xefa Marta Darriba, esixindo a rectificación dunha información tendenciosa e chea de falsidades que buscaba desacreditar ao concelleiro de Compostela Aberta, Jorge Duarte.

Como xa contamos o 15 de xaneiro, a TVG emitiu unha información sen o máis mínimo contraste no que se recollía a acusación de ter beneficiado a un ex-socio de Jorge Duarte cunha reforma pública de 158.000€.

Fagamos memoria deste caso especialmente grave de manipulación informativa.

1) Un xornal afín ao PP, neste caso o panfleto OK Diario, publica unha noticia falsa lanzando graves acusacións contra o goberno de Compostela Aberta

2) Apenas unhas horas despois e sen apenas marxe, o PP de Santiago convoca a medios para facerse eco da noticia e pedir que se investigue.

“Curiosamente”, nesa rolda de prensa aparecen medios que non adoitan cubrir información local, como é o caso da TVG. Pero “curiosamente” non amosan ningún interese nas aclaracións que Jorge Duarte ofrece para desmentir a falsidade.

3) Medios afíns ao PP, tanto privados como públicos, amplifican a información, por suposto sen contrastar nin pedir opinión do goberno.
Especialmente grave foi o caso da TVG, que emitiu unha peza absolutamente tendenciosa ignorando por completo as explicacións dadas por Jorge Duarte ou Martiño Noriega, que acudira esa mesma mañá a Radio Galega para ser entrevistado (entrevista que foi gravada en vídeo).

É dicir, nin dereito á defensa, nin posibilidade de réplica, nin unha soa mención ás probas documentais aportadas polo Concello. Só se interesaron por elas unha semana despois, despois de recibir unha carta de protesta do xefe de Gabinete esixindo unha rectificación co fin de salvargardar a honra de Jorge Duarte

Desgraciadamente, pasou hai uns meses con Xan Duro, cando foi acusado sen probas de autoanularse unha multa. Pasou coas recentes falsidades sobre o cumprimento das políticas sociais, con noticias sobre a polícia local…


Pero agora son as propias traballadoras e traballadores da TVG os que se fan eco desta protesta poñendo en evidencia a manipulación informativa por parte dos xestores dos medios públicos controlados polo Partido Popular.

Na era das #FakeNews , a dereita demostra estar na vangarda da esterqueira do “difama que algo queda” e que está disposto a esmagar toda verdade con tal de impoñerse nas eleccións.

Pero que teimen en seguir facendo política-lixo amparados polos seus altofalantes mediáticos. Non conseguirán os seus obxectivos. Porque en contra do que intentan facer, non todos somos iguais.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies