O grupo municipal de Compostela Aberta presentou este xoves a moción que levará ao próximo Pleno da Corporación instando a devolución ao Patrimonio público o Pazo de Meirás e a que sexa o Concello de Sada quen xestione o réxime de visitas.
 

É inadmisible que un Ben de Interese Cultural sirva para o enaltecemento, a exculpación da ditadura de Franco e das súas terribles consecuencias. Por iso instamos a que o Concello de Santiago se sume á petición do Concello de Sada e da Deputación da Coruña.

Pero o texto presentado pola voceira Marta Lois vai máis alá, e reclama tamén a recuperación de dúas estatuas do Mestre Mateo que orixinariamente formaban parte do Pórtico da Gloria e que a día de hoxe están en mans da familia Franco.

Marta Lois presenta a moción instando á recuperación do patrimonio público en mans dos Franco
Trátase de dúas esculturas que representan a Abraham e Isaac, que foron retiradas da Catedral durante as obras do século XVI, e que pasaron mans do Conde de Ximonde en torno ao século XVIII. Este vendeullas ao Concello de Santiago en 1948 por 60.000 pesetas, a través dun documento no que se sinalaba que as pezas non podían sair de Compostela, ou o Concello tería que pagarlle ao conde unha “multa” de 400.000 pesetas. Malia a iso, as dúas esculturas do Mestre Mateo pasaron a mans da familia Franco hai máis de medio século, se ben non existe ningún documento de cesión.

As esculturas forman parte hoxe da exposición sobre o Mestre Mateo que se pode ver no Pazo de Xelmírez despois de pasar polo Museo do Prado. Compostela Aberta entende que as dúas esculturas non poden volver á Casa Cornide, onde a familia Franco as ubicou despois de que pasaran un tempo no Pazo de Meirás.

Compostela Aberta agarda que a moción que levará ao pleno sexa aprobada por unanimidade. Pero ademais da vía política, o Goberno local está a estudar as vías xurídicas que permitan que as dúas esculturas volvan formar parte do patrimonio público de todos os composteláns e compostelás.

➡️ MOCIÓN PRESENTADA POLO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies