Este sábado impuxéronse os intereses partidarios diante dos intereses da cidade. Con tal de facerlle oposición a Compostela Aberta, vemos como o PSdeG e o BNG preferiron facerlle oposición á cidade aliándose co PP para tumbar a proposta de orzamentos.

As contas presentadas para o 2019 son fillas das do 2018 e netas das de 2017, que BNG e PSOE facilitaron. aumentando a aposta polas políticas sociais, polo emprego, polo reequilibrio territorial, pola cultura, pola Compostela Verde…

É ademais unha proposta feita en chave de cidade,  pois dos 12,6 millóns previstos para investimentos, 7 son para acordos plenarios e compromisos de cidade como a Intermodal, as melloras das entradas do Camiño na CIdade, os muros de Fontiñas…

O resto son demandas dos barrios e parroquias e proxectos escollidos directamente nos orzamentos participativos. Calquera goberno saído das urnas en maio aspiraría a ter en marcha un orzamento que recolla estes compromisos.

Por iso non hai ningunha razón para impedir que Santiago inicie o 2019 con novo orzamentos máis alá do electoralismo e eles sábeno.

BNG e PSOE queren paralizar a cidade traizoando a maioría progresista que saiu das urnas en 2015. As néboas do pasado moi presentes no pleno de hoxe deixan ben ás claras que por riba da unión da esquerda hai quen prefire a coalición ‘PPSOE’.

Porque mentres escoitamos ao futuro candidato do PSOE denunciando unha falsa e irreal parálise, son eles mesmes os que paralizan os orzamentos.

Un tripartito da oposición coa mirada posta en maio
O BNG tamén entra neste xogo irresponsable conformando este ‘Tripartito da Oposición’ coa vista posta exclusivamente nas eleccións de maio. E tivemos boa proba no medio do debate orzamentario cando a voceira Goretti Sanmartín publicou nas redes que ao BNG non lle valían estes orzamentos, pero si apoiarán os modificativos de crédito para os investimentos recollidos nestes orzamentos.  Quen entende isto?

Orgullosas das nosas conquistas, nós seguiremos traballando día a día para seguir aumentando as políticas sociais e de emprego, para sacar adiante os compromisos de cidade como a Intermodal, as demandas dos barrios e das parroquias, os proxectos propostos e escollidos pola veciñanza nos Orzamentos Participativos.

Alá eles, pois nós seguiremos traballando pola Compostela que queremos máis e para iso seguiremos contando con todas e todos vós.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies