Seguindo o mandato asembleario recollido na “Proposta de Compostela Aberta para relanzar o espazo político galego da unidade popular”, a Coordenadora realizou xa unha rolda de conversas bilaterais cos partidos e organizacións mencionadas como punto de partida no documento.
O xoves 12 de xullo enviouse o documento aprobado na nosa asemblea acompañado dun convite a ter unha primeira reunión bilateral. Finalmente foron realizadas sendas reunións bilaterais coas direccións de Esquerda Unida, Podemos, Anova, Ferrol en Común e En Marea.
Das dúas cuestións que plantexou Compostela Aberta podemos tirar como primeiras conclusións:
– A validez de EnMarea como posible espazo de articulación do suxeito galego da unidade popular.
– A posibilidade de adianto da renovación do Consello das Mareas.
A intención da Coordenadora de Compostela Aberta é a de convocar unha primeira reunión multilateral antes de que finalice este mes de xullo para a constitución da Mesa da Confluencia e avanzar na corresponsabilidade e o relanzamento do espazo.