Asistimos a un momento histórico no que, por obsceno que pareza, o desmantelamento do sistema de benestar público e universal é unha ameaza sostida e estruturada por un contexto ideolóxico de poder que se atopa ben lonxe de procurar o ben colectivo.

A sanidade (pública, ‘de balde’, de calidade, universal, equitativa) é un dos patrimonios máis valiosos dos que vimos dispondo nas últimas décadas e tamén un dos máis delicados obxectivos da ideoloxía neoliberal que detecta negocio onde outras vemos necesidade. Sen ela non hai cohesión nin xustiza social. Sen ela non existe distribución dos recursos conforme ás necesidades de saúde das persoas. Sen ela, non hai equidade. Sen ela, desigualdade.

Recentemente presentouse no noso Concello un informe de Médicos do Mundo no que se nos alerta de que entre nós viven persoas excluídas do dereito á saúde, entre as que se atopan menores. A universalidade da que fixo alarde o noso sistema sanitario rompeu o día que se promulgou o Real Decreto 16/2012, que conseguiu a oposición de colectivos profesionais obxectores dunha norma con tintes xenófobos e unha desigual Implantación segundo comunidades autónomas (mesmo a desobediencia nalgunha delas).

Non hai máis que botar unha ollada ao estado da asistencia sanitaria para decatarse de que as concertacións e externalizacións de probas diagnósticas e procedementos cirúrxicos son práctica cotiá no momento actual. Criterio de optimización de recursos? Nada máis lonxe. Mentres a nosa Atención Primaria, auténtico fundamento do sistema, se descapitaliza cada día (consultas saturadas, profesionais insuficientes e sobrecargadas, ratios lonxe das recomendacións internacionais, presupostos minguantes), o investimento rediríxese cara a un gasto farmacéutico e tecnolóxico crecente e a un hospitalo-centrismo que non necesariamente redunda nunha mellora das condicións de vida das persoas.

A prevención e promoción da saúde perden peso nas políticas sanitarias, mentres a participación social a través dos Consellos de Saúde de Área non chega a concretarse.

Problema capital
As listaxes de espera resultan un problema capital para a resolución dos problemas de saúde das persoas usuarias do sistema. Para a súa xestión implantáronse mecanismos que, lonxe de resolvelas dun xeito digno diagnosticando e tratando enfermidades, establecen pautas que habilitan derivacións a centros concertados onde se prioriza o beneficio económico, abandonando o coidado dos recursos públicos, os que todas e todos usamos e financiamos).

E mentres todo isto ocorre abandónase a xustiza distributiva, criterio ético na xestión dos recursos, fomentando outra serie de desigualdades. Entre elas, a de xénero: as mulleres asumimos

os custes en saúde da distribución desigual da carga dos coidados. A Lei de Dependencia maniféstase insuficientemente resolutiva para tantas situacións nas que o coidado de persoas

que precisan asistencia para as actividades máis básicas da vida diaria non son asumidas de modo equilibrado.  Isto deriva na xénese de malestares e patoloxías na esfera física, emocional, laboral e relacional de tantas mulleres ás que o sistema público de benestar social desatende.

Minusvaloración
A sensibilidade do sistema sanitario segue minusvalorando as necesidades de asistencia ao parto respectuosas coas mulleres. O financiamento maioritariamente privado dos métodos anticonceptivos ou as longas esperas na asistencia a centros de orientación familiar dan unha idea da relevancia que se lle outorga en política sanitaria a esta cuestión, asumida tamén de modo desigual segundo o xénero. As adolescentes sufriron recentemente unha regresión substancial en liberdades ao teren que ser autorizadas entre os 16 e 18 anos polos seus proxenitores a interromper unha xestación non desexada en base a unha lexislación patriarcal e tremendamente

perigosa na medida en que pode inducilas á busca de solucións alternativas pouco seguras.

E todo isto ocorreu mentres a coartada neoliberal, chamada crise, deterioraba gravemente as condicións de vida das persoas, especialmente das máis vulnerables, coas consecuentes repercusións en saúde mental non acompañadas durante anos de melloras na dotación de recursos, como nos lembrou ata hai pouco o Movemento Galego de Saúde Mental na súa visibilización do repunte nos casos de suicidio.

Por todo isto faise necesaria a volta á consideración da sanidade pública e universal como un valor fundamental na defensa dunha sociedade xusta, equitativa e que aspire á defensa da dignidade de cada persoa como interese supremo.

(Artigo publicado no número de xaneiro de O VISO. Podes descargalo aquí http://ir.gl/OVisoN4)

 

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies