Hoxe sabemos da proposta da Xunta e da súa conselleira Ethel Vázquez para reasignar parte dos fondos europeos da nova depuradora de Santiago para outros proxectos como o dragado da Ría do Burgo na Coruña.

Foi o propio secretario de Estado de Medio Ambiente Hugo Morán quen confirmou este martes que a Xunta lle trasladou esta petición a través da conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez.

Esta é a enésima confirmación de que Ethel Vázquez, ex número 2 de Agustín Hernández e a súa sucesora na Xunta, leva meses boicoteando o proxecto da nova depuradora na Silvouta.

Primeiro, reabrindo unilateralmente o debate que estaba pechado sobre ubicación e despois propoñendo que os fondos europeos previstos para a EDAR se destinen a outros proxectos, cando o prazo para xustificalos remata dentro de 4 anos.

A que vén tanta présa? O uso partidista das institucións por parte do PP e as manobras de Ethel Vázquez para favorecer ao seu mentor Agustín Hernández a menos de 6 meses dunhas eleccións municipais, ben sexa coa depuradora, ben sexa coa Intermodal, non teñen límite nin vergoña.

Pero equivócanse. Isto non é un ataque ao goberno de Compostela Aberta, é un ataque á dignidade de toda a cidade do que terán que responder ante a veciñanza.

Máis alá desta nova mostra de deslealdade e do uso partidista das institucións por parte do PP, hai que lembrar que os fondos europeos forman parte da financiación que ten que aportar o Estado para a construción da nova depuradora.

A obra é de interese xeral e polo tanto o Estado ten que financiala. Se os fondos FEDER se reasignan a outros proxectos, será o propio Estado a quen lle corresponda asumir con fondos propios xa comprometidos na proposta de Orzamentos Xerais do Estado por máis de 30 millóns de euros ata o 2022.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies