A Concellaría de Educación e Cidadanía convida aos composteláns e compostelás a descubrir o patrimonio funerario de Santiago.
Data: XOVES, 29 DE OUTUBRO
Hora: 10:30 h.
Lugar: CEMITERIO DE BOISACA. Polígono de Boisaca. Rúa de Mª de los Ángeles de la Gándara, 3. 15890 Santiago de Compostela.
A Concellaría de Educación e Cidadanía pon en marcha un programa de divulgación e posta en valor do patrimonio funerario de Santiago, con motivo do Día de Defuntos. Trátase de coñecer a historia local da “cidade viva”, a través das “cidades das persoas mortas”, de personaxes anónimos e de figuras ilustres da política, da industria, das artes ou das letras.
A primeira visita guíada é este xoves, 29 de outubro. Comezará ás dez e media da mañá na porta principal do Cemiterio de Boisaca, e permitirá afondar no coñecemento de aspectos relacionados coa historia e o urbanismo de Compostela, coa arte e simboloxía funeraria, coas persoas soterradas, coa memoria histórica e mesmo co cine e coa literatura. Neste primeiro itinerario didáctico participarán o concelleiro de Educación, Manuel Dios, outros edís da Corporación e alumnado do IES Rosalía de Castro.
Despois deste primeiro itinerario didáctico farase unha convocatoria para que os centros de ensino participen nesta nova proposta educativa, que se complementará con outras actividades de formación do profesorado e con materiais didácticos.