• CA leva ao Pleno as queixas da veciñanza de Conxo polo que consideran “un intento de desmantelar a actividade sociocultural do barrio”
  • O portavoz de Compostela Aberta lamenta que “Javier Fernández non dea a cara e non se reúna coas persoas usuarias nin co comité de empresa”

Compostela Aberta volverá levar ao Pleno desta semana a xestión da rede de Centros Cívicos, despois de coñecérense as queixas da veciñanza de Conxo polo que cualifican de “intento de desmantelar a actividade sociocultural do barrio”. Será a través dunha pregunta para a súa resposta oral por parte do concelleiro responsable, “que debe explicar que medidas pensa tomar para que non medre o descontento veciñal e para restaurar o correcto funcionamento do centro Aurelio Aguirre”. O portavoz de CA, Martiño Noriega, insistiu en que “son moitas as probas que se veñen sucedendo nos últimos meses sobre a degradación dos Centros Cívicos, e por iso lle pedimos a Javier Fernández que empece a exercer as súas responsabilidades como concelleiro”.

Martiño Noriega explicou que Compostela Aberta tivo coñecemento do escrito que a asociación “Conxo Aberto” rexistrou no Concello o pasado 3 de decembro, no que se refire ao malestar veciñal polo mal funcionamento do Centro Cívico do barrio e, máis en concreto, polo peche da sala de lectura, a redución do persoal e de horas nas actividades regulares do centro, e a falta de coordinación entre a oferta e a demanda, traducida en cuestións como que a ludoteca estea aberta os sábados pola mañá e pechada pola tarde, que é cando hai máis demanda. O escrito tamén recolle outras queixas relativas á falta de limpeza nas instalacións, o atraso no comezo das actividades, ou a postos de traballo sen cubrir tras as renuncias voluntarias de persoas traballadoras.

Apoio ás demandas de “Conxo Aberto”

A asociación “Conxo Aberto” reclama no seu escrito que se solucionen todas esas cuestións “para dispoñer dun servizo digno  e un funcionamento correcto e harmónico do centro”; ao tempo que require que “o concelleiro responsable de Centros Cívicos compareza nunha reunión aberta coa veciñanza para explicar a situación actual e os plans do Concello para mellor os servizos e actividades”. Na pregunta que formulará no Pleno do xoves, Martiño Noriega tamén urxirá a Javier Fernández a explicar “que medidas pensa adoptar para paliar o malestar da veciñanza e dar resposta ás  súas demandas en relación ao funcionamento do centro Aurelio Aguirre, e a anunciar cando prevé explicarlle a situación á veciñanza nunha xuntanza aberta”

Comité de empresa. 

Ademais, o portavoz de Compostela Aberta deu conta da preocupación do comité de empresa de Ferrovial Servicios, responsable da xestión da rede de centros cívicos. Martiño Noriega, que se reuniu esta mesma mañá cos representantes dos traballadores e traballadoras, apuntou que “o comité é moi escéptico ante a elaboración dos novos pregos para licitar novamente o servizo, e ante o que parece que é a intención do Goberno de Bugallo de lotear o contrato”. Tal e como explicou o comité de empresa, “esta decisión podería supoñer o empeoramento das condicións laborais, pero tamén convertir a rede de centros cívicos nun verdadeiro reino de Taifas”. Ademais, os traballadores e traballadoras tamén expresaron na xuntanza de hoxe a súa preocupación “polos pasos atrás que se están dando no servizo, e pola súa degradación”.

Meses de degradación do servizo

Martiño Noriega insistiu en que Compostela Aberta leva meses advertindo da degradación do servizo de Centros Cívicos, e presentando numerosas iniciativas ao respecto sen que o concelleiro responsable decidira adoptar ningunha medida. O portavoz de CA esixiulle a Javier Fernández que “empece a exercer, que dea a cara diante da veciñanza que llo está solicitando e diante do comité de empresa, e que deixe de delegar todas as decisións ao respecto da rede na persoa que levou ao Concello a unha situación moi delicada e a ter que asumir traballadores e traballadoras por sentenza”.

No Pleno de setembro, CA xa lle preguntara ao concelleiro delegado de  Centros Cívicos pola xestión do departamento e pola caducidade do expediente sancionador que lle fora aberto a  Ferrovial no pasado mandato, “e que se substituíu por un novo expediente que acabou cunha cesión de tan só 3.000 euros par a empresa, fronte aos 30.000 que se propuxeran no pasado mandato”; así como “polo lo cese da comisión encargada de supervisar o contrato para restituír nesa encomenda á persoa que dirixía a rede cando se orixinaron as múltiples sentenzas por cesión ilegal de traballadores, e que casualmente forma parte da dirección do PSdG”. Compostela Aberta tamén se interesou nestes meses pola demora no inicio dalgunhas actividades na rede de  Cetros Cívicos, como o proxecto pedagóxico “Teatro Comunitario” ou o proxecto de saúde e movemento “Paso a Paso”; pola redución de horarios na biblioteca “José Saramago” e polo peche de varias aulas de lectura.

PODES CONSULTAR AQUÍ A PREGUNTA DE CA SOBRE O CENTRO CÍVICO “AURELIO AGUIRRE” DE CONXO

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa a navegar, está dando o seu consentimento na aceptación das devanditas cookies e a nosa política de cookies,Para máis información, faga click no enlace. ACEPTAR

Aviso de cookies