
PP e PSOE votaron en contra do estudo de viabilidade que demostra que o servizo pode ser asumido pola sociedade mercantil dependente do Concello, e o BNG abstívose. Deste xeito, teremos que seguir esperando para levar a municipalización ao debate no Pleno da Corporación, que é, en definitiva, o que ten a última palabra neste procedemento.
Resulta sorprendente que un dos argumentos da oposición fora que a intervención municipal tiña que ter emitido un informe para o Consello de Administración de Tussa, algo que non se fixo nunca, en ningún acordo, nos 16 anos de existencia da sociedade mercantil. A oposición pretende que para Compostela Aberta as reglas sexan outras. Pero resulta máis sorprendente aínda que PP, PSOE e BNG dubiden da viabilidade económica dun servizo que está a xestionar unha empresa que lle paga un canon anual ao Concello de case 100.000 euros. É dicir, a empresa págalle ao Concello, págalle aos traballadores, e aínda gaña cartos. E a maiores desa obviedade, no Consello de Administración de Tussa víronse informes económicos dunha auditoría externa, a indicada pola intervención municipal, que avalan que o servizo é rendible, mesmo nos escenarios menos optimistas.
Os partidos da oposición están agora moi vixilantes, pero non o estiveron tanto cando se lle adxudicou o contrato da ORA e do guindastre á empresa SETEX Aparqui, malia a non cumprir co prego de condicións do concurso. Así o demostrou a sentenza que agora o Goberno de Compostela Aberta se ve obrigado a aplicar, e que foi a que anulou o contrato coa empresa. Terán que explicar por que.
E terán que explicar porque teñen tanto medo de que se fale da ORA, do guindastre e de SETEX Aparqui nun debate público no Pleno da Corporación. Igual convén revisar hemerotecas para dar coas chaves.