-
O Concello recibe unha nova sentenza do TSXG que demostra malas prácticas do executivo do PP
Santiago de Compostela, 31 de decembro de 2015.- Os servizos xurídicos do Concello de Santiago acaban de recibir unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que anula a adxudicación, en 2013, da xestión das escolas infantís municipais de Conxo e Fontiñas á empresa Clece. Faino porque entende que o goberno do PP, daquela con Ángel Currás na alcaldía, excluiu de maneira inxustificada a unha das empresas que participaban no concurso, Sermasa (epicentro da operación Pokemon na que Currás está imputado). Unha máis para a colección de sentenzas en contra da acción de anteriores gobernos de Compostela.
No pouco máis de medio ano que Compostela Aberta leva no Pazo de Raxoi, son xa cinco as decisións xudiciais que condicionan o seu labor de goberno, pero que teñen como responsables a anteriores executivos. O alcalde, Martiño Noriega, téno claro: “Os que presumen de bos xestores, os que nos recriminan pleno tras pleno a nosa suposta falta de experiencia, os que nos queren dar leccións…son os que terán que explicar por que a xustiza está constantemente a corrixir os seus erros ou as súas malas prácticas”. “As sentenzas que chegan ao Concello mes sí mes tamén, hipotecan a nosa acción de goberno, obrígannos a destinar tempo e enerxías a refacer o que outros fixeron mal. Pero Compostela Aberta quere convertir estes problemas en oportunidades, e por iso estamos a traballar, por exemplo, na municipalización do servizo da ORA”. Martiño Noriega espera que a colección de setenzas en contra remate aquí, e confía en que “cinco fallos xudiciais contrarios despois, o PP empece a ruborizarse cando se erixe en exemplo da boa xestión, porque está claro que ese non é máis que un mito que eles nos queren impoñer, sen moita base real”.
Coleccionando sentenzas en contra
En xaneiro, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou a concesión do tren turístico á empresa Autocares Mosquera, por entender que non se fixo atendendo ao interese xeral municipal de obter unha maior rendabilidade do servizo. Foi en xaneiro, pero o PP non resolveu o asunto antes das eleccións municipais.
En setembro, chegaba unha nova sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ao Pazo de Raxoi, desta vez para anular a concesión do servizo da ORA a Setex Aparqui, unha adxudicación que levaba a sinatura do primeiro dos tres alcaldes do PP, Gerardo Conde Roa. O goberno de Compostela Aberta púxose mans á obra para convertir este problema nunha oportunidade, e segue a traballar na municipalización do servizo.
En outubro, outra vez o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulaba o estudo de impacto ambiental da depuradora da Silvouta, unha decisión que condiciona calquera debate sobre a ubicación da futura EDAR.
A primeiros de decembro, o goberno de Compostela Aberta tiña constancia doutra decisión do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que lle obriga a Tussa a pagar case 300.000 euros a maiores á empresa concesionaria do transporte público urbano, por erros de cálculo nos custos do servizo desde o ano 2007.
Agora, o ano remata cunha nova sentenza en contra, pola concesión das escolas infantís municipais.