Acta da reunión do Grupo de Traballo de Lingua de Compostela Aberta

O pasado día 13 de xullo de 2015, tivo lugar unha reunión do Grupo de Traballo de Lingua de Compostela Aberta na Sala Belvís do Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela. A seguir, incluímos a acta de devandito encontro.
 
“Acta do Grupo de Traballo de Lingua
Dia: 13/07/2015
Lugar: Hotel Virxe da Cerca (Santiago de Compostela)
Hora: 19.30
 
O pasado luns, día 13 de xullo de 2015, tivo lugar a reunión do Grupo de Traballo de Lingua de Compostela Aberta. Celebrouse na sala Belvís do Hotel Virxe da Cerca de Santiago de Compostela. Asistiron 6 persoas. O encontro comezou ás 19.30hrs e terminou por volta das 21.30hrs.
 
Na reunión decidiuse marcar algunhas medidas de promoción da lingua que foron consideradas fundamentais e imprescindíbeis para comezar a traballar e a implementar desde o concello. Son elas, as seguintes:
 

  • Medidas Xerais e Medidas na Administración:

 
– Establecer, segundo indican todas as leis en vigor, galegas e españolas, a liberdade normativa para a lingua galega. Neste sentido, ningunha persoa física e ningunha entidade poderán ser discriminadas pola súa opción normativa canto á lingua galega, na sua relación coa administración e co concello compostelán. Alén diso, a documentación de todo tipo dirixida ao concello terá que ser aceptada no relativo á escolla normativa. Debe existir a mesma igualdade de oportunidades.
 
– Galeguización total da administración compostelá, tanto no interior do concello como na sua relación co exterior e cos composteláns. Todos os puntos referentes á administración aparecen recollidos no programa de lingua. Obrigatoriedade de presentar a documentación en galego para os concursos públicos municipais. Volvemos a insistir na liberdade normativa. (Medida recollida no programa de lingua de Compostela Aberta)
– Elaboración “trilingüe” (gal. port. cast.) das instancias, solicitudes, formularios e resto de documentos burocráticos do Concello, tanto internos como aqueles que están á disposición da cidadanía.
– “Tradución” da páxina web do concello para portugués. Actualmente a páxina é disponibilizada en galego e castelán para a información de toda a actividade do concello e en francés, alemán e inglés para información xeral do concello. O portugués ten que ser tamén prioridade para a información de toda a actividade do concello.
 

  • Medidas no lecer e no tempo libre. Medidas na educación das persoas e no ensino

 
– Promoción e información sobre a Lei Paz-Andrade nas escolas e institutos composteláns (no relativo, entre outras moitas cousas, á introdución do portugués no ensino primario e secundario). Unha das persoas asistentes manifestou o seu interese en axudar nesta tarefa. Así, pode ser aproveitado o traballo realizado, neste sentido, por diferentes asociacións en Galiza. Un exemplo é os obradoiros OPs da AGAL, entre outros tantos. (Esta medida aparece no programa de lingua de Compostela Aberta).
 
– Campañas para a sensibilización sobre a importancia de introducir o portugués no ensino. Isto pode ser levado en conxunción coa medida anterior. (Esta medida aparece no programa de lingua de Compostela Aberta).
 
– Falouse da necesidade de apoiar e promocionar desde o concello o sistema educativo alternativo existente de inmersión lingüística en galego: caso, por exemplo, da Semente Compostela ou de Preescolar na Casa, ou doutros que poidan xurdir. É unha proposta que ocasionou polémica nalgúns dos presentes, sobre todo debido a que Compostela Aberta debe apoiar o “sistema público de ensino” e non o “privado”. Ainda así, estamos a falar de cooperativas sociais, sen ánimo lucrativo e non así de empresas privadas de ensino. Concordouse na necesidade de apoiar a inmersión en galego e na creación dunha rede pública propia do concello de escolas de inmersión en lingua galega, alén de levar a cabo campañas de sensibilización sobre a importancia de termos un sistema de inmersión en galego (Medidas recollidas no programa de lingua de Compostela Aberta).
 
– Realización de campamentos de verán (ou outra época do ano tamén) dirixidos a crianzas e a adolescentes levados a cabo ben no concello de Compostela ben nas vilas do norte de Portugal. Campamentos de inmersión lingüística en galego e portugués e que fomenten a visión internacional da lingua galega. Os rapaces galegos e portugueses convivirían realizando actividades culturais, deportivas, ecolóxicas, de lecer, lingüísticas etc. Trátase de crearmos espazos en que os rapaces poidan empregar o galego, polo tanto, a lingua ou linguas vehiculares serán o galego e o portugués e os rapaces deverán empregalas.
 
– Establecemento dunha programación continuada e estábel de actividades infantís e xuvenís que serían levadas a cabo nos centros socioculturais e nas bibliotecas do concello de Compostela, realizadas en galego e nun ambiente completamente galegófono. Chamouse a atención no feito de estas atividades existiren ao longo da semana, incluíndo as fins de semana. Dinamización de todos os nosos referentes culturais: escritores, títeres, contacontos, artistas, actores, etc…Por outro lado, debe establecerse unha programación de actividades e de campañas enfocadas na ruptura interxeracional do idioma e na cal as familias  tiveren protagonismo.
 
– Galeguización dos clubes deportivos: rótulos, publicidade, megafonía, contratacións etc… dado que reciben un subsidio do Concello, teñen que realizarse en galego. Organización de cursos de galego para os clubes e para os deportistas que deberían expresarse en galego nas suas aparicións públicas. O mesmo poderia dicirse doutros referentes culturais, por exemplo, actrices e actores. Trátase de crear referentes lingüísticos na xente nova, que, actualmente, non  dispón de ningún en galego.
 
– Iniciar os pasos para crear un Canal de TV local dirixido a crianzas e adolescentes integramente en galego e cunha porcentaxe en portugués, incluíndo series, programas e deseños animados. Outra hipótese: Negociar cos canais locais xa en funcionamento un aumento dos programas, series e deseños en galego e portugués e nos anuncios publicitarios. (Medida recollida no programa de lingua de Compostela Aberta).
 
– Galeguización do Cineuropa. Comezar os contactos con este programa cultural para a galeguización dos seus contidos, con subtítulos integramente en galego ILG/RAG e galego-PT. Creación, dentro do Cineuropa, dunha sección lusófona estábel (cinema luso-brasileiro-africano, etc en portugués). (Esta medida aparece recollida no programa de lingua de Compostela Aberta)
 
– Contratación para festas, festividades e festivais do concello, de grupos de música galegos en galego e lusófonos. Ten que haber unha presenza moito maior do galego nas nosas festas. (Medida recollida no programa de lingua de Compostela Aberta)
 
– Posta en marcha desde o concello de grupos temáticos dirixidos a castelánfalantes e neofalantes para melloraren a súa capacidade lingüística en galego e para axudar a daren o paso ao galego. (Medida recollida no  programa de lingua de Compostela Aberta)
 
– Posta en funcionamento de grupos temáticos para mellorar a comunicación entre galegos e portugueses. Creación de clubes de lectura e actividades de fomento dos usos orais, mesmo con actividades a través da rede CSC como viaxes a Portugal, aPortos municipais (programa levado pola AGAL, por exemplo) ou semellantes. (Medida recollida no  programa de lingua de Compostela Aberta)
 

  • Medidas na Economía

 
– Elaboración e difusión de glosarios de termos específicos para as empresas establecidas no concello de Compostela, incentivándoas ao uso e á promoción da lingua galega na súa actividade específica.
 
– Axudas para a rotulación en galego das tendas, locais, etc. Da mesma maneira, non serán postos impedimentos na hora de mudar a rotulación dos locais xa existente. (Esta medida aparece no programa de língua de Compostela Aberta).
 
– Creación dun selo de calidade para os locais, empresas, tendas, restauración etc…en base a unha serie de criterios a determinar (por exemplo: bo trato co persoal e a clientela, servizos de calidade, boa iluminación, bo ambiente, limpeza, etc…entre os cales está o uso do galego. (Esta medida aparece no programa de lingua de Compostela Aberta). Promoción do entramado que recibíu o “selo de calidade” por parte do concello.
 
– Modificación do “Premio Manuel Beiras” que ofrece o Concello ás empresas compostelás que empregan a lingua galega nas súas actividades. Desde o seu inicio trátase dun premio simbólico, mais consideramos que as persoas non viven do simbolismo e que o galego tampouco o fai. Este premio debería ser prestixiado e ser acompañado dunha dotación económica importante.”
 

Novas
relacionadas

María Rozas: “Bugallo tardou demasiado en cesar ao concelleiro de Centros Socioculturais, e debe explicar por que o fai pola porta de atrás”

A portavoz municipal de Compostela Aberta lembra que “a xestión de Javier Fernández leva moitos meses sendo cuestionada, e sobre el pesan graves acusacións de acoso laboral que o alcalde ignorou”

Compostela Aberta pide explicacións sobre o conflito na rede de Centros Socioculturais e a actitude do concelleiro responsable

Compostela Aberta volve reclamarlle ao Goberno que atenda as reclamacións do persoal dos Centros Socioculturais

CA reclama un plan para a contratación de músicos e artistas locais durante as festas

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo