- A Corporación tamén aproba as mocións de Compostela Aberta en apoio ás”ḱellys” e para planificar as artes de rúa no Xacobeo
- Respaldo do Pleno á moción de CA en apoio á Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública
O Pleno da Corporación aprobou onte, por unanimidade, a proposición presentada por Compostela Aberta para impulsar un complexo deportivo ao aire libre no barrio de Sar. Trátase de desenvolver un ámbito que está contemplado no PXOM vixenet e no Plan Especial de Ordenación, Protección, Mellora Medioambiental e Acondicionamento das Brañas do Sar; revertindo o impacto do actual campo de fútbol da Colexiata.
Na súa intervención, Jorge Duarte explicou que “afrontar este proxecto é importante para recuperar esta zona, que se viu afectada no seu momento pola construción do campo coñecido como da Colexiata que non quedou ben resolto desde o punto de vista da súa integración paisaxística e ambiental”. Nesa liña, o concelleiro lembrou que “o anterior Goberno de Compostela Aberta deixou encargado un anteproxecto de planeamento, incidindo na necesidade de volver estes terreos ao seu estado natural, respectando as zonas inundables, seguindo o Plan Especial das Brañas de Sar aprobado en 2011”. Deste xeito, o obxectivo da proposición que logrou o apoio unánime dos outros grupos da corporación é avanzar no proxecto que permita mudar a plataforma do actual campo de fútbol, abrir un novo viario de conexión entre o rueiro de Muíño e a rúa de Brañas de Sar, e acondicionar unha zona de aparcamento e novas pistas multiusos.
Artes de rúa no Xacobeo
Tamén por unanimidade, despois da incorporación de cadansúa emenda de PSOE e BNG, quedou aprobada a moción presentada por Branca Novoneyra para instar ao Goberno a traballar na planificación das actividades artísticas de rúa de cara ao Xacobeo 2021. A concelleira de Compostela Aberta explicou que “é preciso garantir o correcto desenvolvemento das actividades artísticas de rúa, ante a previsible saturación da cidade no Ano Santo, para permitir que os e as artistas sigan mostrando a riqueza cultural de Santiago e melloren a experiencia das persoas que nos visitan”.
En relación a esta moción, no Pleno interviu Antón Coucheiro, de CircoNove, que agradeceu que a Corporación “teña en conta ao colectivo dos artistas de rúa, que o único que queren é traballar en Santiago, e que así o levan facendo moitos anos, animando a cidade con propostas que nin sequera supuxeron custos para as administracións públicas”.
Apoio ás “kellys”
Na sesión de onte tamén quedou aprobada a moción de Compostela Aberta para apoiar as demandas das traballadoras do servizo de limpeza dos establecementos hoteleiros, coñecidas como “kellys”. Marta Lois foi a encargada de defender a proposta, que “nace da necesidade de visibilizar a situación laboral que atravesan estas mulleres, que sofren unha clara sobrecarga de horas de traballo, padecen doenzas laborais que non teñen recoñecidas, e cobran salarios moi baixos que dependen do número de cuartos que limpen”. A concelleira incidiu en que “as administracións públicas non poden pensar no fenómeno do turismo só en termos do número de visitantes, senón tamén nos custes sociais e laborais que supón este modelo”. Nesa liña tamén se expresou Aitor Sebio, da CIG, que interviu no Pleno en representación das “kellys” e polo temor destas a sufriren represalias.
A moción de Compostela Aberta foi votada por puntos. Logrouse a unanimidade no que fai referencia a mostrar a solidariedade do Concello coas “kellys” que sofren discriminación e incumprimento dos seus dereitos laborais. Tamén quedou aprobado, co apoio do BNG e a abstención de PSOE e PP, os puntos relativos a instar ao Concello a estudar a posibilidade de crear un distintivo ou selo de calidade para aqueles establecementos que respecten as condicións laborais e sociais deste colectivo de traballadoras; e a isntar á Xunta a desenvolver un plano de seguridade laboral con accións específicas para as “kellys” e a non subvencionar ás empresas que teñan expedientes abertos polo incumprimento das condicións laborais das empregadas. Por último, o BNG e o PSOE votaron a favor de instar ao Goberno do Estado a modificar as condicións de xubilación anticipada destas traballadoras, mentres que o PP tamén se abstivo neste punto.
Defensa da universidade pública
Outra das iniciativas de Compostela Aberta que obtivo o respaldo do Pleno foi a moción para o rexeitamento dunha universidade privada en Galicia, despois da incorporación parcial dunha emenda do PSOE. O obxectivo da moción é mostrar o apoio do Concello de Santiago á Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, que está a mostrar o seu rexeitamento ao anteproxecto de lei para a creación dunha universidade privada en Galicia promovida polo banco venezolano Banesco Internacional a través de AFundación. Ademais, a Corporación mostra o seu apoio ao documento asinado polos reitores das Universidades de Santiago, Vigo e A Coruña, que alertaba do risco de que “a competencia desa posible universidade privada sexa desigual, non se traballe coas mesmas condicións nin se estableza resultados comparables, xa que nesta situación se vería afectada a condición indispensable da igualdade de oportunidades”.