O Pleno da Corporación apoiou onte, por unanimidade, a proposición presentada por Compostela Aberta para a protección do pequeno comercio na cidade vella, unha vez incorporadas emendas do PSOE e do BNG. Así, tras a proposta de CA, o Concello estudará unha moratoria na abertura de tendas de souvenirs para turistas no ámbito do Plan Especial da Cidade Histórica.
Marta Lois foi a encargada de defender a proposición de Compostela Aberta, que nace do convencemento de que “a masificación das tendas de recordos supón a degradación urbana e estética de rúas como San Francisco, Acibechería, ou Carretas; favorecen a especulación, e dificultan fixar poboación na cidade vella”. Tamén incidiu en que “os establecementos de souvenirs homoxeneizan o centro histórico de Santiago co de calquera outra cidade do mundo, grazas a produtos Made in China que son iguais en calquera cidade e que só mudan o logo”. A concelleira explicou que “é preciso estudar unha moratoria, similar á que se aplicou para os establecementos hoteleiros, e que se podería implementar aproveitando a revisión de usos do Plan Especial da Cidade Histórica”.
A proposición tamén instaba ao Goberno a iniciar a tramitación dunha ordenanza reguladora para a protección do comercio tradicional e de proximidade da zona vella, que por iniciativa do BNG tamén atenderá aos establecementos emblemáticos comerciais e hostaleiros; e a crear un Observatorio do Comercio. Tal e como explicou Marta Lois, trátase de medidas “esbozadas no Plan Estratéxico do Comercio aprobado no pasado mandato, e que ben podería ser adoptadas no marco das actuacións urxentes na cidade histórica que o Goberno de Bugallo anunciou para o Xacobeo 2021”.
Cooperación coa USC e piscina de Santa Marta
No Pleno de onte tamén se aprobou, aínda que coa abstención do PSOE, a proposición de Compostela Aberta para impulsar unha comisión de colaboración e seguimento entre o Concello e a USC para potenciar o traballo conxunto entre ambas institucións. Martiño Noriega reiterou no Pleno que o obxectivo da proposta “é sacar do debate político proxectos que son estratéxicos para Santiago como a humanización do Campus, o Xardín Botánico ou a partilla de equipamentos, asuntos sobre os que hai certo consenso entre todos os grupos da Corporación”. CA rexeitou a emenda de substitución presentada polo grupo de Goberno, que pretendía que na comisión bilateral só se abordaran asuntos que foran de competencia plenaria, “baleirando de contido ese órgano”, tal e como explicou Martiño Noriega.
Sí houbo unanimidade na aprobación doutra das propostas que Compostela Aberta levou ao Pleno, para planificar a construción dunha piscina olímpica en Santa Marta. Neste caso, CA aceptou as emendas dos outros grupos en relación á moción, de xeito que se estudará a posibilidade de que este equipamento incorpore, de xeito ocmplementario, unha pista multiusos. A intención de Compostela Aberta é que se cree unha comisión de traballo municipal, na que estean representados todos os grupos da Corporación pero tamén os clubes que practican disciplinas relacionadas coa natación, na que se definan as necesidades específicas da nova piscina. No Pleno interviron José Rioseco, do Club de Natación Cidade de Santiago, e Luis Ferrer, do Club Waterpolo Santiago, que reiteraron a necesidade histórica destas instalacións.
Outros acordos
A Corporación tamén lle deu o seu visto bo, por unanimidade, á moción presentada por Compostela Aberta para instar ao Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana a realizar actuacións urxentes en Santiago. O concelleiro Rafael Peña referiuse, en concreto, á humanización da rotond de Conxo, á reparación integral da SC-20, “porque o orzamento que se tén dedicado a este viario non permitirá afrontar a obra que precisa”, e á mellora das estradas N-525 ao seu paso polo Eixo e N-550 á altura de Marantes e Enfesta.
En canto á moción de CA sobre a rede municipal de bibliotecas José Saramago, quedou aprobada nun dos seus puntos, relativo a a instar ao Goberno a elaborar un informe que posibilite a súa planificación estratéxica, incluíndo un apartado especiico que propoña un proceso de recuperación, recollida, dixitalización e arquivo da memoria oral das parroquias e barrios de Compostela.
Por último, quedou aprobada a moción conxunta presentada, a iniciativa do BNG, por Compostela Aberta, PSOE e Bloque en defensa da sanidade pública. O PP votou en contra da proposta.
PODES CONSULTAR AQUÍ O RESUMO DAS INICIATIVAS QUE CA LEVOU AO PLENO E DO RESULTADO DAS VOTACIÓNS