Aprobada a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado de Santiago

  • A oposición abstívose na votación do documento, co que Compostela opta a 15 millóns de euros de fondos europeos

  • A Estratexia DUSI é o froito dun proceso de participación, no que se fixeron enquisas cidadás e se convocaron mesas de traballo con expertos e coa oposición

Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2016.- O pleno da corporación municipal aprobou esta tarde a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado, cos votos a favor de Compostela Aberta e a abstención dos tres grupos da oposición. O documento é unha folla de ruta para o período 2015-2025, que recolle accións concretas para conseguir unha Compostela inclusiva, accesible e patrimonial. Con el, Santiago aspira a conseguir 15 millóns de euros de fondos europeos, do Programa Operativo de Crecemento Sostible 2015-2020. Eses fondos permitirían financiar o 80 por cento de 54 proxectos concretos para a cidade, que teñen un custo total estimado de 18.750.000 euros.

Dez liñas estratéxicas

A Estratexia DUSI parte da análise da situación actual de Compostela, para definir dez liñas estratéxicas de actuación de cara ao futuro.

1.-Rexeneración económica e social en barrios e/ou colectivos desfavorecidos: inclúe actuacións como un Centro Municipal de Acollida para persoas sen fogar, actividades de formación na cultura maker “Faino ti”, programa Compostela Amigable coas persoas maiores, plan municipal de alugueiros…

2.-Revitalización do Espazo público das comunidades desfavorecidas: inclúe actuacións para a rexeneración física, económica e social do entorno rural e urbano, con proxectos concretos en puntos como o barrio de Belvís, a avenida de Lugo ou a rúa Batalla de Clavijo.

3.-Actuacións en vivendas en barrios desfavorecidos: inclúe un programa para a instalación de ascensores e axudas para a mellora da accesibilidade.

4.-As TIC para a mellora da calidade de vida: proponse botar man das tecnoloxías da información e a comunicación, para mellorar a xestión de servizos públicos como a limpeza viaria ou os residuos sólidos urbanos, e poñelos a disposición dos cidadáns.

5.-Recuperación do espazo público urbano e mellora do contorno: son actuacións dirixidas a rehabilitar e mellorar o contorno urbano, con proxectos como a mellora de Patio Madres e Castrón d´Ouro, a recuperación da Costa de Santa Susana, ou a recuperación do Campus Sur.

6.-Fomento da mobilidade urbana sostible: entre as accións que se levarán a cabo figuran a revisión do Plan de Mobilidade Urbana, a redacción dun Plan de Accesibilidade Universal, o estudo da funcionalidade e tratamento de puntos conflitivos para o tráfico como a Praza de Galicia ou a Avenida de Xoán XXIII, o estudo de mellora e conexión de camiños peonís, ou a integración da Cidade da Cultura co tecido urbano de Compostela.

7.-Recuperación e promoción do patrimonio natural: son actuacións dirixidas á protección, fomento e desenvolvemento do patrimonio natural, con especial atención aos que teñen interese turístico. Contempla actuacións concretas como a mellora dos accesos ao Parque de Belvís, a restauración do Paseo fluvial do Sarela, ou o acondicionamento de sendas peonís ao carón do río Sar.

8.-Rehabilitación e promoción do patrimonio histórico, arquitectónico e cultural: inclúe a rehabilitación de elementos patrimoniais etnográficos na conca do río Sarela, a posta en valor do Castelo da Rocha (tanto do propio xacemento como dos accesos e conexións co contorno) e da estación arqueolóxica de Roxos, e actuacións no Camiño de Bergantiños.

9.-Desenvolvemento e promoción de activos culturais e naturais orientados ao desenvolvemento turístico: contempla a elaboración de rutas alternativas de turismo que enlacen patrimonio cultural-natural-inmaterial, e campañas sociais para a posta en valor do “outro” Santiago.

10.- Mellora da eficiencia enerxética e aumento das enerxías renovables: son actuacións dirixidas a reducir o consumo enerxético, mediante actuacións nos inmobles de titularidade municipal e a elaboración dun manual de boas prácticas de consumo e eficiencia.

Un documento participado e debatido entre todos

A Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado aprobada hoxe é o resultado dun longo proceso. Foi o anterior goberno do PP o que encargou a elaboración do documento á consultora IDOM, e o que comezou cos traballos en maio de 2015. Á súa chegada ao Pazo de Raxoi, Compostela Aberta optou por abrir o proceso á participación, un dos aspectos que ademais serán valorados no reparto dos fondos europeos. Para iso, a concellería de Espazos Cidadáns puxo en marcha unhas enquisas on line, que foron respostadas por preto de 700 persoas, entre veciños e expertos. Tamén se convocaron diversas mesas de debate entre expertos, e no pasado 2 de decembro celebrouse unha gran mesa de traballo na que participaron os catro grupos da corporación municipal, representantes do tecido asociativo, e expertos como o exalcalde Xerardo Estévez. Na Estratexia DUSI incluíronse ademáis as conclusións extraidas doutros encontros celebrados ao abeiro do proceso de elaboración do Plan de Mobilidade e do Plan de Emprego.

Tendo en conta as conclusións destas mesas de traballo, fixáronse as liñas estratéxicas da EDUSI e as accións concretas. Das 100 contempladas en total para o período 2015-2025, seleccionáronse 54 que optarán aos fondos europeos dentro do POCS. Todas elas recolléronse nun Plan de Implementación da Estratexia, que se lles facilitou aos grupos da oposición o 21 de decembro, e que foi aprobado na Comisión Informativa de Urbanismo dous días despois. O 30 de decembro, o documento recibiu o visto bo da Xunta de Goberno, co preceptivo informe de intervención e sen reparos.

O documento que hoxe foi sometido ao ditame do pleno da corporación é, en esencia, o mesmo que os grupos municipais coñecen desde o mes pasado. Os cambios introducidos son unicamente formais, e derivan de que a convocatoria europea especifica que a documentación non pode superar os 250.000 caracteres, incluídos os dos cadros e táboas. Inicialmente estas non se contabilizaran, e por iso foi preciso facer un resumo, que só lle afectou á parte do documento relativo á análise da situación actual, pero non ao Plan de Implementación que recolle accións concretas.

O obxectivo do Goberno de Compostela Aberta foi desde o comezo que a Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Integrado sexa consensuada, tendo en conta que os primeiros pasos para a súa elaboración deunos outro goberno e que o documento será de vixencia ata o ano 2025. Nesa liña, optouse por levar o documento ao pleno da corporación, algo que non fixeron outras cidade galegas.

Novas
relacionadas

CA apoia ás traballadoras do SAF e reclama a mediación do Goberno “diante dos abusos da empresa Servisar”

María Rozas e Marta Lois reuníronse coas traballadoras, ás que a concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar vén de comunicarlles modificacións nas condicións laborais que lles van causar graves prexuízos

Jorge Duarte: “Hai consenso político e técnico sobre cal é o mellor proxecto para Castrón Douro, e só Bugallo leva a contraria”

Na comisión asesora de hoxe, quedou sobre a mesa a modificación do proxecto da II fase de Castrón Douro por falta de apoios, e Compostela Aberta demandará no Pleno que se manteña o acordado no pasado mandato coa veciñanza

CA esíxelle a Bugallo que manteña o proxecto orixinal para a segunda fase da reurbanización de Castrón Douro

María Rozas e Jorge Duarte reuníronse coa veciñanza da zona, que non foi informada polo Goberno da súa intención de modificar o proxecto que quedara elaborado no pasado mandato

A Xunta responde ás alegacións de CA ao proxecto da senda ciclista do Milladoiro e asume o cambio de trazado no ámbito da Colexiata de Sar

María Rozas lamenta que o Goberno galego non asuma outras das demandas formuladas por Compostela Aberta “para que unha actuación na que se van investir 12 millóns de euros non acabe sendo un proxecto decepcionante”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo