- O portavoz de CA agradece que “o PP faga hoxe un amplo relato da boa saúde financeira do Concello, que se negou durante o noso mandato como se negaron tantos outros avances en relación á EDAR, a intermodal ou a gobernanza do turismo”
O Pleno da Corporación aprobou hoxe, cos votos a favor de PSOE e Compostela Aberta, a modificación das ordenanzas fiscais para 2020. O portavoz Martiño Noriega defendeu “a actitude responsable de CA, que fixo unhas achegas serias que o Goberno recolleu na proposta debatida hoxe, e que contrasta coa práctica que tiveron os socialistas no pasado mandato cando apoiaron ao PP para impoñer unha rebaixa fiscal”. Nese sentido, o grupo municipal de Compostela Aberta non favoreceu a aprobación de ningunha das emendas presentadas polo PP, que quedaron finalmente rexeitadas.
Tal e como tiña anunciado, Compostela Aberta votou a favor das ordenanzas fiscais, que recollen a práctica totalidade das propostas que o grupo municipal lle fixo ao Goberno o pasado 27 de setembro, antes de que o propio PSOE dera conta das súas liñas de traballo. Martiño Noriega reiterou que “as achegas que nós fixemos son continuístas coa aposta pola fiscalidade progresiva que fixemos durante o pasado mandato, son un reflexo da cidade que queremos que é aquela na que paguen máis os que máis teñen”. Así, haberá unha rebaixa do tipo do IBI nos bens de natureza rústica, mentres se incrementa o tipo de gravame para os maiores valores catastrais de uso non residencial. Tamén en relación ao Imposto de Bens Inmobles, haberá as bonificacións para a industria da biotecnoloxía e a madeira e para a Cámara de Comercio formuladas por Compostela Aberta, e tamén se incrementan as previstas pola creación de postos de traballo indefinido.
En relación ao IAE e o ICIO, aprobáronse tamén as propostas de Compostela Aberta, incrementando os beneficios fiscais por incremento de postos de traballo indefinidos, incluíndo bonificacións ligadas a cuestións ambientais, e aumentando as bonificacións para vivendas de protección autonómica, entre outras medidas.
Emendas do PP
Compostela Aberta non facilitou a aprobación de ningunha das emendas formuladas polo PP ás ordenanzas fiscais “porque unha baixada xeralizada dos impostos non garante políticas públicas que solucionen os problemas de Santiago, non se garante que lle ofrezamos á veciñanza os servizos que precisan”. O grupo municipal de CA abstívose na votación de tres das emendas formuladas polo PP en relación ao IBI: a que propuña un incremento das bonificacións para as vivendas de protección oficial na cota íntegra do IBI; a que subía as bonificacións para familias numerosas; e a que pedía aumentar as porcentaxes de bonificación para inmobles no rural con carencias de servizos-proposta que tamén fora formulada por Compostela Aberta e rexeitada polo PSOE; pero ambas foron rexeitadas co voto de calidade do alcalde. Na votación das demais emendas, CA votou en contra e todas elas quedaron rexeitadas.
Martiño Noriega mostrouse irónico en relación á intervención do concelleiro do PP Ramón Quiroga, que apelou á boa saúde económica do Concello para defender as emendas do seu grupo ás ordenanzas. Martiño Noriega afirmou que “estase demostrando que non era que non tiveramos razón no pasado mandato, é que non se nos podía dar. E iso en relación á situación económica do Concello, pero tamén en relación a outros moitos debates como o da taxa a excursionistas, a construción da intermodal, ou a EDAR”.