Aprobadas as propostas de CA nun Pleno no que o PSOE volveu exercer a abstención para non comprometerse coas demandas da oposición

 O grupo de Goberno segue optando por absterse na votación de todas as propostas que chegan ao Pleno, porque entende que dese xeito a súa aprobación non implica ter que executar os acordos
  • Saen adiante as demandas de Compostela Aberta sobre a próxima licitación do SAF, a aprobación dun Plan plurianual de investimentos nos CEIPs, e as artes de rúa
  • Coincidindo co Pleno, ás portas do Pazo de Raxoi concentráronse traballadores dos servizos do transporte urbano, a recollida do lixo e o SAF, molestos coa xestión do Goberno e a falta de interlocución co persoal

O Pleno da Corporación aprobou onte todas as propostas presentadas por Compostela Aberta, nunha sesión na que o grupo de Goberno volveu demostrar que non pensa comprometerse con ningunha das demandas da oposición. Unha vez máis, como vén facendo desde o comezo de mandato, o PSOE abstívose nas votacións das proposicións e mocións, porque entende que deste xeito non está obrigado a darlle cumprimento aos acordos plenarios. Entre as propostas de CA aprobadas onte, figura unha proposición para atender as demandas do persoal do Servizo de Axuda no Fogar na próxima licitación do contrato. Precisamente, as traballadoras do SAF concentráronse no Obradoiro para criticar a ´xestión e a falta de interlocución do Goberno de Bugallo, concentración que coincidiu coas do persoal do transporte urbano e do servizo de recollida do lixo.

Cos votos a favor de PP e BNG, e coa abstención do PSOE, o Pleno aprobou a proposición de Compostela Aberta, que lle pide ao Goberno que incorpore as demandas das traballadoras na licitación do Servizo de Axuda no Fogar. En relación á proposta de CA, no Pleno interviu unha representante do comité de empresa, Soledad García del Río, que denunciou a falta de interlocución coa concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro. No mesmo sentido expresouse tamén no Pleno unha representante da Plataforma SAF, Yurisbey Gutiérrez, a partir dunha pregunta do BNG sobre o servizo.

Na súa intervención no Pleno, a concelleira María Rozas foi moi crítica co Goberno “que no canto de asumir que cometera un erro na elaboración dos pregos ao non incluír o material de protección fronte á Covid, decidiu non escoitar ás traballadoras e presentar alegacións ao recurso presentado polo sindicato CCOO, con argumentos tan incomprensibles como que ese material non era necesario, ou que podían asumir o custo as empresas”. Rozas pediulle a Mila Castro “que non ignore ás traballadoras, porque son as que mellor coñecen o servizo, e que exerza o control sobre a execución do contrato que demostrou non ter ata o de agora”.

Obras nos CEIPS

María Rozas foi tamén a concelleira de Compostela Aberta encargada de defender unha moción para reclamar a aprobación dun plan plurianual de actuacións nos centros, despois de terse reunido coas ANPAs dos 13 CEIPs de Compostela. Rozas afeoulle ao Goberno que tivera rebaixado o nivel de execución de pequenas obras durante o verán, con respecto a exercicios anteriores. O PSOE tamén se abstivo nesta votación, argumentando que o listado de actuacións que lle fixo chegar CA non estaba xerarquizado e incluía cuestións dependentes da Xunta de Galicia, tal e como se advertía no propio texto. A concelleira de Compostela Aberta lamentou que “o novo edil Rubén Prol chegue ao departamento de Educación con esa actitude, botando balóns fora, escundándose no reparto de competencias, e procurando escusas para non aceptar as propostas da oposición”.

Artes na rúa e estado de alarma

O Pleno de outubro aprobou tamén a moción defendida por Branca Novoneyra, para pedirlle ao Goberno que teña aprobada a nova normativa de actividades de rúa antes de que comece 2021, e deste xeito se evite a interrupción na concesión dos permisos. Compostela Aberta presentou esta proposta despois de que o 22 de setembro, o Concello publicara un decreto asinado por Gonzalo Muíños no que se anuncia a suspensión na concesión dos permisos para as artes de rúa durante o tempo que sexa preciso para elaborar unha nova normativa, e como mínimo durante o primeiro trimestre do próximo ano.

Tal e como lembrou Branca Novoneyra, “o decreto do Goberno supón incumprir outro acordo plenario de febreiro, no que todos os grupos coincidiron na necesidade de impulsar e defender as artes de rúa durante o Xacobeo”. a ese compromiso referiuse tamén Antón Coucheiro, que interviu na sesión en representación do colectivo Circo Nove. Coucheiro pediulle ao Goberno “que fale cos artistas e que os teña en conta antes de tomar decisións, e que lembre que as artes de rúa son un patrimonio de Santiago, unha parte da nosa identidade”.

Referencias ao Xacobeo tamén se incluiron na moción de urxencia presentada por Compostela Aberta tras a declaración do novo estado de alarma, o pasado día 25. A voceira de CA, Marta Lois, presentou a proposta, na que se reclaman medidas concretas da Xunta e do Concello para afrontar a situación e axudar aos colectivos máis damnificados, tanto a curto como a medio prazo. A concelleira insistiu en que “o alcalde debe deixar xa de fantasear co Ano Santo, ao que fía toda a recuperación, e debe actuar xa”. Lois pediu que se habiliten máis axudas directas aos sectores afectados, “en vez de destinar miles de euros á iluminación de Nadal”. Tamén instou á Xunta a “repensar o Xacobeo, e a destinar a axudas directas á hostalería, o comercio ou a Cultura, as partidas que non se van poder investir en grandes eventos durante o 2021”. A moción de urxencia tamén quedou aprobada.

Outros acordos

A Corporación tamén lle deu luz verde a unha moción de Compostela Aberta, á que se incorporaron emendas de PSOE e BNG, para que os concellos reciban un tercio das axudas europeas dos fondos de recuperación. Marta Lois incidiu en que “os concellos son as administracións máis próximas á veciñanza, teñen que prestar servizos esenciais, e teñen un financiamento inxusto e insuficiente”.

Por último, o Pleno aprobou unha declaración institucional en relación ao 25 de novembro, Día Internacional contra as violencias machistas. O texto foi elaborado a partir das propostas que levaban á sesión tanto Compostela Aberta como o BNG e o PP.

Concentracións no Obradoiro

Coincidindo co inicio do Pleno, o persoal de tres servizos municipais concentrouse na Praza do Obradoiro, ás portas do Pazo de Raxoi, para reclamarlle ao Goberno local unha maior interlocución e unha mellor xestión.

Na protesta participaron as traballadoras das dúas empresas adxudicatarias do Servizo de Axuda no Fogar, Eulen e Servisar, que veñen denunciando que a concelleira de Política Social Mila Castro non está a responder ás súas demandas. Tamén se concentrou o persoal das empresas Tralusa, Freire, Aucasa, Ferrín, Castromil, Rías Baixas e Grabanxa, que se encargan do transporte urbano. No seu caso demandan que na nova licitación se garanta a equiparación das condicións laborais de todos os traballadores e traballadoras, aínda que a adxudicación recaia nunha UTE de empresas. Por este asunto preguntou no Pleno o concelleiro Jorge Duarte, que tamén instou ao Goberno a axilizar a licitación dun contrato “para o que xa quedaran listos os pregos ao remate do pasado mandato”.

A concentración no Obradoiro completouse coa participación do persoal de Urbaser, a concesionaria do servizo de recollida do lixo. Os traballadores e traballadoras, que tamén están pendentes da nova licitación do servizo, veñen denunciando que non se están a adoptar medidas fronte a Covid-19, tras o remate do estado de alarma.

Novas
relacionadas

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que medie no conflito do lixo

María Rozas e Xan Duro reuníronse esta tarde co Comité de empresa de Urbaser “que leva meses advertido do incumprimento dos seus dereitos, ante a inacción de Bugallo”

A Xunta Electoral dálle a razón a CA e ordena suspender o envío de cartas da campaña “Santiago Sostible”

O órgano advirte que abrirá expediente sancionador se continúa a distribución das misivas asinadas por Bugallo para falar das melloras do novo contrato de recollida do lixo

CA apoia ás traballadoras do SAF e reclama a mediación do Goberno “diante dos abusos da empresa Servisar”

María Rozas e Marta Lois reuníronse coas traballadoras, ás que a concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar vén de comunicarlles modificacións nas condicións laborais que lles van causar graves prexuízos

María Rozas: “Os remanentes de 2022 son a última demostración de que Bugallo é un alcalde incapaz”

A portavoz de Compostela Aberta cualifica de “escandaloso que o Goberno peche o ano con 24 millóns de euros sen gastar e 14 millóns de gastos pendentes”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo