Axudas especiais, programación extraordinaria e convenios coa hostalería e o comercio, propostas de CA para revitalizar o sector cultural

Compostela Aberta presenta un documento con medidas para recuperar o sector cultural, que en Santiago conta con máis de 400 empresas e 1.200 persoas afiliadas
  • CA reclama que se garanta a realización dos contratos suspensos por mor do estado de alarma e propón que se desenvolvan convenios coa hostalería e o pequeno comercio para aproveitar sinerxías entre todos os sectores afectados polo coronavirus
  • Branca Novoneyra pide “axudas especiais para o sector, e un incremento do orzamento de acción cultural no ano 2021”

Compostela Aberta pediulle hoxe que o Concello “empece a traballar na planificación de medidas que permitan revitalizar o sector cultural de Santiago, duramente golpeado pola crise do coronavirus, e que ten un importante peso económico na nosa comarca”. O grupo municipal de CA achegoulle ao Goberno un documento cunha serie de propostas para paliar as consecuencias da pandemia, “garantindo a realización dos contratos que foron suspensos por mor do estado de alarma e, potenciando o sector a medio e longo prazo”.

A concelleira Branca Novoneyra explicou que, ao contrario do que pasou coa crise económica de 2008, “é preciso que da crise derivada da pandemia do coronavirus saia un sector cultural forte, creativo e independente”. A edila lembrou que, tal e como sinala o Informe anual da Cultura en Santiago 2018, “a actividade cultural representa máis do 5 por cento do PIB da comarca de Santiago e, en xuño de 2018, en Compostela había 422 empresas culturais e máis de 1.200 persoas afiliadas á Seguridade Social no sector cultural”.

Sinerxías con outros sectores damnificados pola COVID-19

Branca Novoneyra explicou que no documento presentado hoxe, Compostela Aberta insta ao Goberno a procurar fórmulas que permitan “establecer sinerxías entre o cultural e outros sectores que están a sufrir fortemente as consecuencias da pandemia, como poden ser o da hostalería ou o do pequeno comercio, de xeito que todos eles se vexan beneficiados”. Nesa liña, propónse que o Concello recupere convenios como os asinados durante o pasado mandato coas asociacións Cidade Vella e Tempo con Xeito, para a celebración de actuacións de música ao vivo, e que chegue a acordos similares con outros colectivos hostaleiros. Para promover eses convenios, que nunca tiveron dotación económica, Compostela Aberta pide que se habilite unha partida orzamentaria extraordinaria de 150.000 euros.

Ademais, a concelleira explicou que “CA aposta por programar pequenos eventos culturais en colaboración co tecido asociativo comercial, que axuden a promocionar o comercio de proximidade, ao tempo que favorecen o rexurdir do sector cultural”; e por recuperar unha axenda cultural “participada polos actores culturais público-privados e do terceiro sector de Santiago, que se podería artellar a través dun espazo na axenda cultural municipal no que se recollan as propostas achegadas tamén desde a iniciativa asociativa, cultural e privada de Compostela”.

Programación cultural extraordinaria

Xunto coas pequenas accións en colaboración con outros sectores, Compostela Aberta propón que o Concello de Santiago desenvolva unha programación cultural extraordinaria unha vez rematada a situación de emerxencia sanitaria “que permita reprogramar antes do último cuadrimestre do ano as actividades que quedaron suspensas durante o estado de alarma e, de non ser posible nese prazo, realizar novas contratacións para a próxima temporada”. No marco desa programación extraordinaria, o grupo municipal de CA propón incrementar o orzamento das festas do verán e, se a emerxencia sanitaria o permite, a prolongalas durante os meses de xullo e agosto e levar as actividades ao rural e os barrios. A maiores, explicou Branca Novoneyra, “pedímoslle ao Goberno que intente aminorar os problemas de liquidez das empresas culturais, retribuíndolle de maneira anticipada unha parte dos cachés das producións que tiveron que ser suspendidas por mor da pandemia”.

Axudas extraordinarias e planificación de 2021

Dentro do paquete de medidas para reactivar o sector da cultura fronte á crise da COVID-19, Compostela Aberta tamén propón que o Goberno “publique unha convocatoria de axudas extraordinarias para o tecido profesional e asociativo cultural, que estea dotada con 100.000 euros para o segundo semestre de 2020, e con 200.000 euros para o conxunto de 2021”. De cara ao ano que vén reclámase, ademais, “a duplicación do orzamento dedicado a acción cultural, que debe ir acompañada do diálogo co sector para deseñar as estratexias e políticas culturais, e o redeseño da programación cultural do Xacobeo, para darlle difusión, promocionar e fortalecer a produción cultural galega profesional”.

Por último, Branca Novoneyra instou ao Goberno local a “reclamar diante doutras administracións a posta en marcha de medidas orzamentarias extraordinarias que repercutan no rescate do sector cultural local”. Entre elas, a concelleira citou a posibilidade de que Xunta e Estado impulsen “convenios extraordinarios, liñas de crédito con xuros 0, ou a redución do IVE cultural ao 0%, coma xa tributan actividades educativas”

PODES CONSULTAR AQUÍ AS PROPOSTAS DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA REVITALIZAR E RESCATAR O EMPREGO NO SECTOR CULTURAL DE SANTIAGO FRONTE A CRISE DO CORONAVIRUS

Novas
relacionadas

María Rozas comprométese a recuperar o pulo cultural de Santiago “despois de catro anos de desgana do Goberno de Bugallo”

A candidata de Compostela Aberta presentou o programa en materia de cultura, acompañada por Comba Campoi e Javier García

Branca Novoneyra: “O Goberno de Bugallo ten unha última oportunidade para autocorrixirse e apostar polos artistas locais na programación das festas”

Compostela Aberta leva ao Pleno unha moción para esixir un plan de contratación de artistas e empresas culturais locais para a Ascensión e o Apóstolo, cunha dotación mínima de 250.000 euros

CA reitera o seu apoio á creación dun Conservatorio Profesional de Danza en Santiago

María Rozas e Branca Novoneyra reuníronse coas representantes da Plataforma que leva anos reclamando este centro “para o que existe unha enorme demanda en Compostela”

CA reclama a redacción do I Plan Estratéxico da Cultura

Branca Novoneyra denuncia que Santiago caeu ao posto 15 no informe “Lo mejor de la Cultura 2022”, no que ocupaba o posto 10 en 2016

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo