Branca Novoneyra: “A xestión dos Fogos do Apóstolo de 2020 estivo chea de improvisacións e irresponsabilidade”

A concelleira de Compostela Aberta cre que “o risco de incendio extremo permitiulle ao Goberno ocultar que non planificara correctamente cuestións de seguridade en relación ao espectáculo”
  • A Delegación do Goberno alertou na tarde do 24 de xullo de que non se deberían producir os lanzamentos na Granxa do Xesto e Monte de Deus pola presenza dun cable de alta tensión e dun depósito de gas
  • O Concello actuou con irresponsabilidade mantendo o lanzamento desde outros puntos próximos a zonas arbóreas

Compostela Aberta agarda que Gonzalo Muíños esclareza no Pleno desta tarde “as moitas dúbidas que xorden despois de analizar a documentación relativa aos Fogos do Apóstolo, á que o grupo municipal tivo acceso nestes días, case dous meses despois de tela solicitado”. A concelleira Branca Novoneyra mostrou o seu convencemento de que “o Goberno de Bugallo actuou con total improvisación e irresponsabilidade, e non contou toda a verdade sobre a anulación de dous dos oito puntos de lanzamento previstos”. Para a edila de CA, 

Branca Novoneyra lembrou que Compostela Aberta solicitou o acceso a toda a documentación dos Fogos do Apóstolo o pasado 27 de xullo, e días despois o grupo de Goberno respondeu que esa petición sería atendida cando o concelleiro Gonzalo Muíños se reincorporara das súas vacacións de verán. A concelleira explicou que finalmente o grupo municipal de CA “non tivo acceso á documentación solicitada ata o pasado 17 de setembro, e de maneira incompleta”. Aínda así, Novoneyra sinalou que “os documentos facilitados demostran que o Goberno de Bugallo non actuou nin coa transparencia nin coa responsabilidade debidas na xestión do espectáculo e das dificultades que foron aparecendo para o seu desenvolvemento”.

Suspensión de dous dos puntos de lanzamento

Branca Novoneyra invitou a Gonzalo Muíños a aclarar no Pleno desta tarde os verdadeiros motivos polos que foron anulados dous dos oito puntos de lanzamento dos Fogos que estaban anunciados. A concelleira explicou que “ainda que o 24 de xullo, pasadas as tres da tarde, o Concello informou a través da súa conta de Twitter da cancelación deses dous puntos polo elevado risco de incendio, temos serias dúbidas de se esa non foi máis que unha escusa para esconder un problema maior”. Así, a edila de CA desvelou que na autorización da Delegación do Goberno para a celebración dos Fogos, que chegou ao Concello cerca das sete da tarde do propio 24 de xullo, advírtese de que o lanzamento desde a Granxa do Xesto e desde o Monte de Deus non deberían celebrarse, no primeiro caso pola existencia dun cable de alta tensión que non figuraba nos planos achegados polo Concello, e no segundo pola presenza dun depósito de gas a só 25 metros do punto previsto de lanzamento.

Para Branca Novoneyra, o alcalde non dixo toda a verdade cando afirmou en rolda de prensa o día 27 de xullo que “decidimos suspender dous dos puntos do lanzamento, a partir dun aviso que recibimos da Consellería de Medio Rural. Preferimos actuar coa máxima prudencia posible”. De feito, nese aviso da Dirección Xeral de Montes só se fai referencia a un dos puntos, a Granxa do Xesto, a instancias dun escrito presentado polo avogado da Asociación Galega de Industriais Pirotécnicos. A concelleira de Compostela Aberta sinalou que “se o principio era o da máxima prudencia polo risco de incendios, como quere facer ver Bugallo, non se entende que á lista de puntos cancelados non se engadiran outros que tamén se atopaban en zonas conflictivas, como era o caso do Parque Eugenio Granell onde finalmente sí houbo que lamentar un incendio”.  A maiores, Branca Novoneyra afeoulle ao Goberno que “intente trasladar a idea de que a cancelación do lanzamento foi por vontade propia, porque iso é non saber ler as indicacións da Consellería ou pretender trasladar unha imaxe de responsabilidade que non é tal”. Como lembrou a edila, na comunicación da Dirección xeral de Montes sinalábase “confírmolle aos efectos oportunos que o risco de incendios é extremo”, “e eses efectos oportunos son o cumprimento da Lei de prevención e defensa dos incendios forestais en Galicia, que no seu artigo 37 sinala que nos terreos forestais e zona de influencia forestal no caso de que o índice de risco de incendio forestal sexa extremo, o Concello non poderá autorizar a utilización de artefactos que leven aparellado o uso de fogo, fogos de artificio, globos e artefactos pirotécnicos; e no caso de que ó índice de risco diario de incendio forestal sexa extremo o día da celebración, entenderánse revogadas as autorizacións emitidas con anterioridade”.

Polo tanto, para Branca Novoneyra, “o risco certo de incendio permitiu que o Goberno ocultara que en todo caso tería que ter suspendido os lanzamentos desde a Granxa do Xesto e o Monte de Deus, que eran dúas localizacións que o propio Concello incluiu na lista de emprazamentos do espectáculo que tiña que asumir a empresa adxudicataria”. A concelleira tamén expresou as súas dúbidas sobre se o Goberno “actuou de xeito responsable ao non cancelar os lanzamentos desde outros puntos próximos a masas arbóreas, como a Cidade da Cultura ou o parque Eugenio Granell”.

Deficiencias no Plan de Seguridade

A concelleira de Compostela Aberta tamén chamou a atención sobre as dificultades coas que se atopou o Concello para obter o visto bo da Delegación do Goberno á celebración do espectáculo. Nese sentido, Branca Novoneyra explicou que o Concello presentou a solicitude o 17 de xullo, “e a Delegación do Goberno pediu a subsanación de deficiencias na documentación achegada ata en catro ocasións desde o 20 de xullo e ata o propio 24 de xullo”. De feito, a última comunicación da Delegación do Goberno previa á autorización prodúcese o propio 24 de xullo, e nela dáselle ao Concello un prazo de dúas horas para subsanar algunhas deficiencias que non reseolvera desde a primeira petición do 20 de xullo. A concelleira explicou que a maioría das deficiencias sinaladas pola Delegación do Goberno estaban relacionadas co Plan de Seguridade e co Plan de Emerxencia, que non cumprían os requirimentos da Instrución Técnica Complementaria para actividades pirotécnicas. Nunha das comunicacións, mesmo se lle advirte ao Concello que “non é válido que o Plan de Seguridade estea elaborado e firmado por persoal da empresa adxudicataria do espectáculo, senón que debía estar asinado por persoal técnico competente propio do Concello ou alleo”.

Branca Novoneyra apuntou  tamén que unha das esixencias da Delegación do Goberno para a autorización do espectáculo era un certificado que acreditara a disposición dun medidor de velocidade do vento, coa advertencia de que “se a velocidade do vento, a nivel do chan, era superior a 10 m/s no momento e no lugar do disparo, este suspenderase”. A concelleira pediulle a Gonzalo Muíños que faga públicos os datos desa medición nos seis puntos de disparo que se mantiveron, e en particular no do Parque de Eugenio Granell onde se orixinou un incendio a consencuencia do lanzamento dos Fogos.

Con respecto a ese incendio, Branca Novoneyra lamentou que o alcalde se limitara a “xustificar que as leiras nas que se produciu o lume estaban sen rozar desde había anos, porque iso dá a entender que o Concello ou a empresa non avaliaron o estado da zona na que se ían lanzar os fogos artificiais e non recomendou á propiedade adoptar ningún tipo de precaución ao respecto”.

Por último, a concelleira de CA pediulle ao alcalde que “deixe de utilizar a Covid-19 como escusa para todo, porque na súa valoración dos Fogos Bugallo lamentou que a pandemia obrigara a demorar a licitación e comprometeuse a que o próximo ano a licitación será en febreiro, esquecendo que a  declaración do estado de alarma tivo lugar a mediados de marzo”

PODES CONSULTAR AQUÍ AS DÚBIDAS RAZONABLES DE CA SOBRE OS FOGOS DO APÓSTOLO DE 2020

Novas
relacionadas

María Rozas asina o acordo entre o Foro Cívico e as forzas políticas municipais para atender os retos de Santiago  

A candidata de Compostela Aberta cualifica de “moi positivo que se poña o foco sobre cuestións que van alén das grandes infraestruturas, e das que CA leva falando xa moitos anos como a gobernanza o turismo”

Compostela Aberta é a única formación que tén publicado e accesible o seu programa electoral

María Rozas aféalle a PSOE, PP e BNG que leven días “falando de propostas duns programas que non se sabe onde están nin que compromisos firmes incorporan”

CA esixe explicacións tras coñecerse que o local de Desproi alugado polo exconcelleiro Pichel desenvolvía a súa actividade sen título municipal

O Goberno vén de ordenar a paralización da actividade no edificio nun decreto asinado o 17 de abril

Compostela Aberta pídelle ao Goberno que medie no conflito do lixo

María Rozas e Xan Duro reuníronse esta tarde co Comité de empresa de Urbaser “que leva meses advertido do incumprimento dos seus dereitos, ante a inacción de Bugallo”

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo