- Novoneyra reclama a convocatoria da Comisión de Memoria Histórica “porque máis alá das accións puntuais urxe avanzar nun plan de memoria democrática”
Compostela Aberta volverá pedir no Pleno que o Goberno elabore un plan para a contratación de artistas e empresas culturais locais para as festas da Ascensión e do Apóstolo, que teña unha dotación mínima de 250.000 euros. A concelleira Branca Novoneyra insistiu en que “neste mandato houbo un enorme retroceso, que mesmo denunciou a propia Asociación de Músicos ao Vivo, e agardamos que o equipo de Bugallo se autoemende nesta última oportunidade que tén para programar as festas deste ano”.
Branca Novoneyra lembrou que Compostela Aberta leva todo o mandato reclamando un maior compromiso do Goberno cos artistas locais, “e esta non é a primeira vez que solicitamos un plan de contratación para as festas, con esta mesma dotación orzamentaria”. De feito, sinalou, o Pleno da Corporación aprobou en xuño de 2022 unha proposición neste sentido, que facía referencia explícita ás Festas do Apóstolo dese ano, e que o Goberno de Bugallo ignorou. A concelleira de Compostela Aberta lembrou que “o actual Goberno tén unha última oportunidade para autoemendarse na organización da Ascensión e tamén das festas do Apóstolo, que deberán quedar esbozadas antes das eleccións de maio, e agardamos que desta vez sí sexan atendidas as demandas, non só de CA, senón do sector artístico e cultural de Compostela que xa manifestou reiteradamente o seu malestar polo escaso apoio municipal nestes anos”. Nesa liña, Branca Novoneyra valorou positivamente o festival presentado onte en colaboración coa SD Compostela, “pero esta é unha iniciativa do club, apoiada polo Concello, pero non do Goberno local que mantén unha preocupante falta de impulso e vontade propias para programar con artistas locais”.
Novoneyra lembrou que durante o pasado mandato o Goberno de Compostela Aberta impulsou a participación de artistas empresas culturais locais no calendario de festas, con iniciativas como o programa Artellando, o ciclo Compostela É Música, en colaboración coa sección local da asociación Músicos ao Vivo; ou a creación do censo Compostela é Música. Todas esas apostas, sinalou a concelleira, “foron esmorecendo ao longo deste mandato, malia a insistencia de Compostela Aberta, e malia que a propia Asociación de Músicos manifestou reiteradamente, con especial contundencia en xuño de 2022, o seu malestar porque o Concello non lle dera visibilidade nas festas ao talento músical dos artistas de Santiago”.
Convocatoria da Comisión de Memoria Histórica
No Pleno de mañá, Branca Novoneyra tamén reclamará a convocatoria da Comisión de Memoria Histórica, antes de que finalice o actual mandato municipal, para avanzar na elaboración dun plan de actuación de memoria democrática. A concelleira lamentou que ese órgano tan só celebrou unha xuntanza tras a súa constitución, en xullo de 2022, na que tan só se acordou colocar na zona onde estaba o cuartel e Santa Isabel un memoria na honra dos presos reprimidos pola ditadura entre 1939 e 1946. Para Branca Novoneyra, “é evidente que este balance da comisión é máis que decepcionante, porque o seu traballo debe ir na liña de recoller accións de investigación, sinalización e propostas de intervención que muden a paisaxe dos lugares da memoria e da resistencia democrática en Compostela”. A concelleira recoñeceu que nos últimos anos houbo accións puntuais en materia de memoria histórica, “pero é preciso avanzar nun plan máis participado, planificado e continuado desde a Comisión, á que se incorporaron persoas prestixiosas como Encarga Otero, Laura Muñoz e Antonio Míguez Macho que están desexosas de traballar no marco da Lei de Memoria Histórica”. Para Branca Novoneyra, “é preciso avanzar na liña iniciada no pasado mandato para actuar nos espazos, de maneira que as próximas xeracións teñan consciencia do que pasou en Santiago e de como os acontecementos do 36 mudaron tamén a nosa cidade e a vida da súa veciñanza”.