- A concelleira presenta unha moción para instar ao Goberno a deseñar un programa completo sobre o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020
- CA pide que o Parlamento de Galicia poña en valor o legado do escritor e lingüista, conservado na “Sala Carvalho Calero” da biblioteca parlamentar
Branca Novoneyra presentou hoxe a moción que Compostela Aberta levará ao Pleno de setembro para instar ao Goberno a preparar unha programación que poña en valor a figura de Ricardo Carvalho Calero, autor que será homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2020. A concelleira pediu que o escritor e filólogo sexa nomeado fillo adoptivo ou predilecto de Santiago, cidade coa que mantivo unha estreita vinculación e na que residiu en dúas etapas da súa vida.
Tal e como explicou Branca Novoneyra, “Carvalho Calero é unha figura fundamental para entender a recuperación cultural e a dignificación do galego na segunda metade do século XX, un home que destacou polo seu compromiso coa defensa da lingua e a literatura”. A concelleira explicou que “a vinculación do autor con Santiago foi moi estreita: na nosa universidade lincenciouse en Dereito e Filosofía, aquí mantivo unha intensa actividade intelectual e política que o levou a participar na fundación do Partido Galeguista e no proceso de redacción do Estatuto de Autonomía da IIª República; e xa despois da guerra e de estar no cárcere durante a ditadura, en 1972 conseguiu por oposición a cátedra compostelá de Lingüística e Literatura Galega acabada de crear”.
Na moción que será debatida no Pleno ordinario deste mes, Compostela Aberta urxe ao Goberno a deseñar un programa de actividades sobre Carvalho Calero que mostre todas as facetas da súa obra e a súa vinculación con Santiago e que non se limite ao propio Día das Letras Galegas, senón que se estenda a todo o ano 2020. Para a súa organización, CA aposta por establecer canles de diálogo e colaboración con outras institucións culturais e co tecido asociativo, así como tamén coas outras cidades nas que residiu o escritor, nomeadamente Lugo e Ferrol. Ademais, o texto defendido por Branca Novoneyra pide que o Consello Asesor de Condecoracións inicie o expediente para nomear a Carvalho Calero fillo predilecto ou adoptivo de Santiago.
Por último, Compostela Aberta pide que o Pleno inste ao Parlamento de Galicia a poñer en valor o legado do autor, organizando xornadas de portas abertas na “Sala Carvalho Calero” da biblioteca parlamentar, onde desde 1997 se conserva a súa biblioteca e arquivo persoal, con máis de 4.800 volumes.
Consulta aquí a moción presentada por Branca Novoneyra:
MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA SOBRE O ANO CARVALHO CALERO 2020 (PDF)