A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra instou hoxe ao Goberno a ampliar o prazo de xustificación das dúas convocatorias de axudas para actividades culturais, tanto das dirixidas ás entidades profesionais como as orientadas ao tecido asociativo. Tal e como explicou, “a día de hoxe descoñécese a proposta de concesión desas subvencións, e a realización de moitas das programacións que optan a elas dependen da súa consecución”. Por iso, engadiu, “o prazo previsto para a xustificación das axudas, que finaliza o 29 de outubro, é moi xusto para que as entidades poidan desenvolver as actividades subvencionadas”
O Goberno local aprobou en maio as dúas convocatorias de axudas para actividades culturais, unha delas dirixida ao sector profesional, cun orzamento de máis de 550.000 euros, e a outra ás asociacións, para a que se reservaron 48.500 euros. Nos dous casos, o prazo para xustificar as actividades subvencionadas é do 1 ao 29 de outubro, e de non facelo nesas datas, os beneficiarios poderían perder as subvencións. Branca Novoneyra explicou que moitas das propostas estaban pensadas para a súa execución no verán, “pero non puideron desenvolverse, porque a súa viabilidade depende da obtención dese apoio orzamentario municipal”. Por ese motivo, e tendo en conta que a día de hoxe descoñécese a resolución das dúas convocatorias, a concelleira de Compostela Aberta instou ao Goberno a “resolver a convocatoria e a ampliar o prazo de xustificación das actividades culturais ás que se lle conceda apoio, máis alá do mes de outubro”. Novoneyra explicou que levará este asunto ao próximo Pleno, recollendo “a fonda preocupación que existe entre os traballadores e traballadoras da cultura, que temen finalmente perder as subvencións polo axustado dos prazos”.
PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DE COMPOSTELA ABERTA PARA AMPLIAR O PRAZO DA XUSTIFICACIÓN DAS ACTIVIDADES CULTURAIS PENDENTES DE AXUDAS