A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra pediulle hoxe ao Goberno local que priorice as necesidades da xente nova, “un sector da poboación que está a sufrir especialmente o impacto da pandemia da Covid-19, vendo mudar o seu panorama vital e as súas relacións, e enfrontándose a moitas incertezas no eido laboral e mesmo formativo”. Para a edila, ese compromiso coa mocidade debe traducirse en cuestións concretas, como o deseño dunha programación para o Centro Xove da Almáciga “acorde ás circunstancias excepcionais que vive a xuventude”, ou a elaboración dun catálogo de recursos municipais para a xente nova que lle permitan desenvolver proxectos de forma autónoma”. Para Novoneyra, “resulta incomprensible que a única oferta municipal vinculada ao Centro Xove sexa a día de hoxe dous cursos a distancia, que claramente non responden á situación excepcional que vivimos”.
Branca Novoneyra levará ao próximo Pleno da Corporación unha moción na que insta á concellería de Xuventude e elaborar unha diagnose coparticipada coa propia mocidade, para determinar cales son as súas necesidades formativas, e tamén para dotar de contidos o Centro Xove da Almáciga. No texto, Compostela Aberta tamén pide que, co Centro Xove como base, o Concello concrete un catálogo de recursos municipais para a xente nova, que lle permitan desenvolver proxectos de forma autónoma. Por último, o grupo municipal de CA reclama que o Goberno consigne o orzamento preciso para que as instalacións da Almáciga sexan catalizazodras das políticas públicas municipais dirixidas á xuventude.
A concelleira de Compostela Aberta incidiu en que “a mocidade é un dos sectores sociais que precisan un rescate de maneira urxente, e en Santiago estase atopando cun Goberno municipal que está paralizado, que nin sequera dialoga coa mocidade para coñecer as súas necesidades, que ignora a situación de vulnerabilidade na que se atopa”. Novoneyra reclamou que o Centro Xove da Almáciga “sexa efectivamente un lugar para a mocidade, non só de nome, senón como espazo que centralice o necesario debate sobre as súas demandas e sobre as políticas municipais que lle afectan, un espazo para ser participado pola xente nova, física e virtualmente”. Nesa liña, a edila lamentou que as actividades actuais do centro se reduzan a un laboratorio de guitarra e outro de técnica vocal, “nun contexto no que a xuventude se enfronta a unha verdadeira falta de alternativas por mor da pandemia”. Para Branca Novoneyra, “é evidente que este Goberno non fala coa mocidade, non consensúa as propostas e non esta disposto a escoitar”.
Ademais, Branca Novoneyra reclamoulle ao Goberno que dispoña un catálogo de recursos para a mocidade, “que facilite e simplifique o acceso da xente nova aos equipamentos municipais que deben funcionar como unha rede de traballo coordinada, que teña o seu epicentro no propio Centro Xove da Almáciga”. Este catálogo, apuntou, “debería reunir a oferta de recursos e servizos axustada ás neccesidades de cada territorio, e tendo en conta os diferentes niveis de participación dos mozos e das mozas, e da súa capacidade para desenvolveren proxectos de xeito autónomo nos diferentes equipamentos municipais”.
Por último, a concelleira de CA instou ao Goberno a ter en conta á mocidade nos orzamentos de 2021, “non só no departamento de xuventude, senón dunha maneira transversal con outras áreas como Políticas Sociais, Cultura ou Urbanismo”.
PODES CONSULTAR AQUÍ A MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA IMPULSAR UN PROGRAMA FORMATIVO PARTICIPADO E SITUADO EN TEMPOS COVID NO CENTRO XOVE DA ALMÁCIGA