Compostela Aberta quere que o Goberno transparente, no próximo Pleno da Corporación, cal foi o resultado final das convocatorias de axudas para actividades culturais de 2021, e cal foi o grao de execución do orzamento dispoñible para esas subvencións. A concelleira Branca Novoneyra explicou que “a CA cónstalle que houbo moitos desestimentos, tanto de empresas como de asociacións que non puideron xustificar en prazo as axudas”, e alertou de que “é necesario coñecer como funcionou a convocatoria se queremos mellorar os seus resultados neste ano 2022”.
Branca Novoneyra preguntará no próximo Pleno da Corporación pola execución das axudas para actividades culturais, tanto para empresas como para asociacións. A concelleira de Compostela Aberta lembrou que ambas convocatorias foron aprobadas en maio de 2021, cun orzamento de máis de 550.000 euros no caso das empresas e de 48.500 euros para as asociacións. Non foi ata setembro cando se resolveron as solicitudes, e resultaron beneficiarias 36 entidades profesionais, por un importe de case 530.000 euros, e só tres asociacións, con subvencións que sumaban menos de 10.000 euros. A concelleira lembrou que xa no mes de setembro, Compostela Aberta pediu no Pleno que se ampliara o prazo de xustificación das axudas, “co obxectivo de darlles máis facilidades ás empresas e asociacións que non puideran desenvolver as actividades previstas para os meses do verán, por estarmos nunha situación moi delicada para o sector e porque non contaban con recursos propios que lles permitisen executar as súas programacións sen saber se ían ser beneficiarios da subvención municipal”. Tal e como sinalou Novoneyra, “cónstanos que a decisión do Goberno de non ampliar ese prazo provocou moitos desestimentos por parte de potenciais beneficiarios das axudas, que optaron por renunciar a esas achegas do Concello por non poder xustificalas”.
Branca Novoneyra insistiu en que “nas convocatorias de axudas para actividades culturais, pouco importa cal é o orzamento previsto para as subvencións, senón que o relevante é saber cal é a súa verdadeira execución”. Por iso, a concelleira instou ao Goberno a aclarar os datos, “co obxectivo final de mellorar as bases para a convocatoria deste ano, e que as subvencións cumpran o seu cometido de serviren de impulso para un sector especialmente damnificado pola crise derivada da pandemia da Covid”.