A concelleira de Compostela Aberta Branca Novoneyra urxiu hoxe ao Goberno local a presentar o Informe Anual da Cultura en Santiago correspondente ao exercicio de 2019, “que está elaborado e do que se presentou tan só un resumo nunha xuntanza co sector na Sala Agustín Magán”. Para a edila, “este documento é fundamental para a planificación da política cultural, e tórnase nunha ferramenta moi valiosa no momento de crise que atravesa o sector cultural, coas limitacións á actividade derivadas da Covid-19, coa suspensión das actividades de arte de rúa para o primeiro trimestre de 2021, e coa suspensión da ordenanza que permitía desenvolver actuacións de música ao vivo nos locais de hostalería de Compostela”.
Branca Novoneyra pedirá no Pleno da próxima semana, a través dun rogo, que o Goberno local publique o Informe Anual da Cultura 2019 na páxina web municipal, e que o poña a disposición pública canto antes. A concelleira de Compostela Aberta dixo “non entender os motivos polos que este documento aínda non foi publicado, cando está realizado, e cando se lle presentou un resumo ao sector cultural nunha xuntanza celebrada na Sala Agustín Magán de Santa Marta”. Para Novoneyra, “este informe é unha ferramenta fundamental para trazar o roteiro e a estratexia en materia de política cultural, porque permite coñeccer a situación real do sector e tomar decisións de maneira máis informada”. Nos actuais tempos de pandemia, engadiu, “o informe permitirános medir o impacto real da Covid-19 no sector cultural de Compostela, e tamén coñecer mellor de que situación partía, cales eran as súas necesidades previas á aparición do coronavirus e cales poden ser as claves para que o sector siga operando no contexto actual”.
Iniciativa inédita en Galicia
Branca Novoneyra lembrou que o primeiro Informe Anual da Cultura en Santiago publicouse en 2018, durante o pasado mandato, “e foi unha iniciativa pioneira no país”. Compostela foi a primeira cidade galega en transparentar nun amplo estudo os recursos municipais dedicados á Cultura, os datos sobre afiliacións á Seguridade Social neste sector (o 3,2 por cento do total); ou o número de empresas culturais (422). No informe tamén se daba conta das subvencións competitivas e dos convenios nominativos que mantiña o Concello co sector cultural, e recollíanse apartados dedicados ao turismo cultural, indicadores sectoriais e de participación cultural, bibliotecas, museos, arquivos, bens de interese cultural, e hábitos e prácticas culturais da poboación.
PODES CONSULTAR AQUÍ O ROGO DO GRUPO MUNICIPAL DE COMPOSTELA ABERTA PARA QUE SE PUBLIQUE O INFORME ANUAL DA CULTURA MUNICIPAL 2019