Bugallo desaproveita a oportunidade de introducir bonificacións no imposto de plusvalías e compensar os elevados valores catastrais en Santiago

  • Compostela Aberta pídelle ao Goberno que reformule a proposta de modificación da ordenanza que prevé levar ao próximo Pleno “para facer unha verdadeira aposta por unha fiscalidade máis xusta e distributiva” 
  • O Concello de Santiago incumpre o prazo de seis meses que dera o Estado para a adaptación das ordenanzas municipais que regulan o imposto de plusvalías e que finalizou en maio
  • Os informes técnicos da proposta aféanlle ao Goberno a falta de dirección política na elaboración da modificación e a ausencia de estudos económicos rigorosos

Compostela Aberta instou hoxe ao Goberno a retirar da orde do día do Pleno do próximo luns a modificación da ordenanza do chamado imposto de plusvalías para consensuar unha proposta que introduza as bonificacións previstas pola lei. A concelleira María Rozas lamentou que  “o PSOE deixa pasar unha gran oportunidade para avanzar cara unha fiscalidade máis xusta e distributiva, e de paliar mínimamente as consecuencias da revisión das ponencias de 2008 que elevou os valores catastrais en Santiago moito por riba da media galega, precisamente en tempos do bipartito de Bugallo”.

A modificación da Ordenanza Fiscal que regula o imposto sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana deriva do Real Decreto polo que se adapta a Lei das Facendas Locais aos pronunciamentos do Tribunal Constitucional sobre este imposto. Ese Real Decreto, publicado o 9 de novembro de 2021, dáballe aos Concellos un prazo de seis meses para a adaptación das ordenanzas fiscais. No caso de Santiago, foi no límite dese prazo, o 27 de abril, cando se iniciou o expediente, fronte ao acontecido noutras cidades galegas como Vigo, que aprobou a modificación en xaneiro, ou A Coruña, que o fixo en marzo. A concelleira María Rozas explicou que “este atraso xera certa inseguridade xurídica con respecto á recadación que fixo o Concello polo imposto de plusvalías desde maio, e o Goberno nin sequera preveu esta circunstancia ainda sabendo que era evidente que non cumpriría os prazos dados polo Estado para a adaptación legal”.

Unha modificación mal feita e que chega tarde

Para María Rozas, “o máis lamentable é que este atraso na tramitación da modificación da ordenanza non responde nin á realización dun estudo serio sobre as consecuencias da reforma nin a un intento do Goberno de Bugallo de aproveitar todas as potencialidades do Real Decreto en beneficio da veciñanza”. Nesa liña, a concelleira de Compostela Aberta salientou que “os informes técnicos da asesoría xurídica e da intervención municipal advirten sobre a inexistencia dun estudo económico rigoroso que avale as previsións do Goberno Local sobre a perda de ingresos, unhas previsións que lle serven de escusa a Bugallo e Marta Abal para non introducir bonificacións no imposto que beneficiarían a moitos veciños e veciñas”. Ademais, Rozas lembrou que “non sería a primeira vez na que a concelleira de Facenda erra nos seus cálculos, porque xa nos orzamentos de 2021 falaba dunha baixada de ingresos polo imposto de plusvalías, e finalmente recadouse máis que no ano anterior”.

A concelleira de Compostela Aberta lamentou que o Goberno de Bugallo “non aproveite esta modificación para introducir criterios de progresividade fiscal e xustiza social no imposto de plusvalías”. Así, demandou que se trasladen á normativa municipal as novas bonificacións incorporadas na Lei de Facendas Locais, como a aplicación do coeficiente redutor da base impoñible de ata o 15% por novos valores catastrais; a redución da base impoñible como consecuencia da actualización dos valores catastrais derivada dunha valoración colectiva; ou a bonificación relativa aos terreos nos que se desenvolvan actividades económicas de especial interese ou utilidade municipal. Para Rozas, “o Goberno debera terse parado a avaliar e introducir estas bonificacións, pero tan só se preocupou por contemplar os coeficientes máximos en todos os periodos de xeración da plusvalía e por manter o tipo de gravame do 22% idéntico para todos os tipos de xeración”.

Falta de dirección política

María Rozas explicou que “as novas bonificacións introducidas no Real Decreto de novembro serían especialmente interesantes no caso de Santiago, que tén uns valores catastrais moi elevados froito da actualización feita en pleno boom inmobiliario, en 2008, mentres que noutras cidades como Vigo se manteñen os valores dos anos 90”. Na práctica, sinalou, “Bugallo e Marta Abal están renunciando a reducir o valor catastral ata nun 15% para a aplicación do imposto de plusvalías, sabendo que as vivendas de Santiago teñen un valor catastral inflado, cunha media que supera os 75.000 euros fronte aos 37.000 euros de media de Vigo”. Ademais, lembrou, “existen zonas rurais de  Compostela nas que as vivendas teñen un elevado valor catastral malia carecer de servizos básicos como o saneamento e o abastecemento de auga, e tampouco neste caso se prevén as novas bonificacións que serían posibles grazas á reforma da Lei de Facendas Locais no que tén que ver co imposto de plusvalías”

María Rozas sinalou que “só hai dúas opcións para explicar a proposta que o Goberno quere levar a Pleno: que o PSOE de Bugallo non cre na xustiza fiscal, ou que simplemente non puxo a cabeza na modificación desta ordenanza”. A concelleira de CA salientou que “o propio asesor xurídico cuestiona o modus operandi na elaboración desta proposta e afea que non houbera vontade política que marcara as liñas de actuación nin achegas ao borrador técnico por parte do persoal político”. Nese informe, a asesoría xurídica mesmo sinala que “o expediente de elaboración da norma non debera deixar espazo á dúbida respecto de que os aspectos non regulados na ordenanza fiscal omítense pola vontade da Administración e non por esquecemento”, unha apreciación, sinalou María Rozas, “que coincide coa lectura que facemos desde CA: o Goberno de Bugallo ou ben foi vago á hora de elaborar esta modificación, ou ben non tivo vontade política de aproveitar as potencialidades da lei, nunha decisión que debera explicar”.

O Imposto sobre o aumento de valor dos terreos de natureza urbana, máis coñecido como Imposto da Plusvalía, é o que grava o incremento do valor destes terreos no momento da súa transmisión, sexa por compra, doazón ou herdanza. En outubro de 2021, o Tribunal Constitucional declarou nulo o método que se utilizaba para calcular a base impoñible dese imposto, porque se facía cuns parámetros fixos que non sempre correspondían á plusvalía realmente obtida e que, de feito, presumían que sempre existía un aumento do valor dos terreos transmitidos. Para adecuar a Lei de Facendas Locais a ese pronunciamento xudicial, o Goberno aprobou un Real Decreto en novembro de 2021 que introduciu un novo modelo de cálculo, así como diferentes bonificacións no imposto. Os concellos tiñan un prazo de seis meses, ata maio de 2021, para modificar as súas ordenanzas fiscais, pero no caso de Santiago a adaptación non se fixo aínda transcorridos xa case 10 meses da aprobación do Real Decreto.

 

Novas
relacionadas

Os grupos do Compostela Aberta, BNG e GM Socialista presentan unha moción conxunta de apoio á mobilización de SOS Sanidade Pública

Os grupos municipais do BNG, Compostela Aberta e GM Socialista acordaron unha moción conxunta, que levarán ao pleno deste mes de marzo, en apoio á nova mobilización convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública de Galicia, o próximo 6 de abril do 2025. A mobilización sairá ás 12 horas dende a Alameda ata a Praza do Obradoiro.
María Rozas, Goretti Sanmartín e Gonzalo Muíños asinaron o acordo de orzamentos

Os grupos municipais de Compostela Aberta, Socialista e BNG pechan un acordo de orzamentos para 2025

María Rozas, en representación de Compostela Aberta, Gonzalo Muíños polo Grupo Municipal Socialista e Goretti Sanmartín, polo BNG asinaron este martes o acordo para os orzamentos municipais de 2025, “uns orzamentos ambiciosos mais equilibrados e enfocados ás necesidades reais de Santiago”.

Compostela Aberta lamenta que a Xunta “siga sen escoitar á veciñanza de Conxo e volva elixir a peor opción para a senda ciclable do Milladoiro”

Compostela Aberta lamenta que a Xunta de Galicia perdera a oportunidade de corrixir de verdade a barbaridade que cometeu ao definir o trazado da senda ciclista do Milladoiro, e presente hoxe unha alternativa que non mellora nada e que non contenta a ninguén. Para CA, o Goberno galego segue ignorando á veciñanza, e de caer no mesmo erro de planificar unha vía sen pisar o terreo.

María Rozas: “Os orzamentos da Xunta son decepcionantes para Santiago e non serven para resolver os problemas da veciñanza”

A portavoz municipal de Compostela Aberta e tenenta de alcaldesa de Santiago cualificou hoxe de “decepcionantes e insuficientes” os orzamentos da Xunta para 2025 no que tén que ver coa capital galega. María Rozas explicou que “se sobre o papel as contas manteñen moitas débedas con Compostela, tememos que na súa execución a cousa só vaia a peor, como vén acontecendo nos últimos anos en cuestións de enorme importancia como poden ser as políticas de

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo