Bugallo despreza á veciñanza e confirma que non haberá centro cívico na Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega

  • O alcalde mantivo un enfrontamento cos representantes veciñais que asistiron ao Pleno de onte, aos que lles dixo que “se esperastes vinte anos, esperades a finais de 2020 como esperamos todos”
  • PSOE e PP xúntanse para rexeitar a defensa da laicidade da institución municipal
  • A Corporación acorda promover a declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local

O Pleno da Corporación aprobou onte a proposición presentada por Compostela Aberta para garantir que a Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega se converta no Centro Cívico da cidade histórica, tal e como tiña acordado o anterior goberno municipal coa Universidade de Santiago, propietaria do inmoble, e coa veciñanza da zona vella. Pero, lamentablemente, ese visto bo non vai servir para nada. O alcalde deixou claro na sesión que o edificio vai ser utilizado para acoller a nova Oficina da Cidade Histórica, malia os compromisos expresados polo PSOE durante a campaña electoral coa propia veciñanza. Xosé Sánchez Bugallo non disimulou o seu desprezo cara as demandas das persoas residentes na zona vella, ás que nun enfrontamento nos corredores do Pazo de Raxoi lles dixo ao respecto do centro cívico que “se esperastes vinte anos, esperades a finais de 2020 como esperamos todos”.

O primeiro Pleno ordinario do novo mandato estivo marcado polo enfrontamento do alcalde coa veciñanza da cidade histórica, mesmo desde antes do comezo da sesión. Nela tiña solicitado intervir  o representante da asociación de veciños Casco Histórico, Marcos Pombo, que chegou ao Pazo de Raxoi acompañado por un grupo de residentes aos que inicialmente trataron de impedir o paso ao Salón de Plenos. Solucionada a cuestión do acceso, e xa no transcurso da sesión, Sánchez Bugallo volveu mostrar a súa incomodidade coa presenza das veciñas e veciños, aos que lles afeou ter aplaudido as intervencións de Martiño Noriega e Goretti Sanmartín en defensa do centro cívico da cidade histórica. E todo, nunha sesión que non estaba a ser retransmitida por streaming, ao contrario do que viña acontecendo no mandato anterior co goberno de Compostela Aberta.

A proposición de Compostela Aberta para garantir que a Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega acolla o centro cívico da cidade histórica saíu adiante, co respaldo do BNG e coa abstención do PP e do PSOE. Pero ese visto bo non vai servir para nada, porque o alcalde deixou claras dúas cousas na sesión de onte: que o edificio será si ou si para a Oficina da Cidade Histórica, e que para os socialistas os acordos do Pleno non son vinculantes, porque o goberno de Bugallo executará só aquelas cuestións que estime oportunas máis alá das encomendas da Corporación.

Enfrontamento no corredor

Durante a súa intervención ao comezo do Pleno, o representante da Asociación de Veciños Casco Histórico recriminoulle a Bugallo terse comprometido en campaña a acondicionar o centro cívico na Casa Elisa e Jimena Fernández de la Vega, para cambiar de plans unha vez gañadas as eleccións. Marcos Pombo asegurou que a veciñanza está “sorprendida e decepcionada, porque leva vinte anos esperando por un centro cívico digno que por fin parecía garantido co convenio aprobado polo Goberno en abril”. O representante veciñal lembrou que “na súa anterior etapa como alcalde hai doce anos, Bugallo anunciara un acordo para acondicionar o centro cívico en San Miguel. Non cumpriu, e agora di que o edificio de Casas Reais é demasiado para nós. Lembrámoslle ao goberno que está ao servizo da cidadanía”.

Ao remate do debate da proposición, o alcalde e a veciñanza da cidade histórica mantiveron un enfrontamento no corredor do Pazo de Raxoi no que Sánchez Bugallo reiterou a súa firme decisión de non destinar o inmoble propiedade da Universidade de Santiago a Centro Cívico. O rexedor socialista quixo pechar o debate recriminándolles aos veciños e veciñas que “se esperaron vinte anos poden seguir esperando ata finais de 2020 como esperamos todos”, en referencia á posibilidade de que o centro cívico sexa acondicionado nun espazo propiedade de Abanca na Praza de Salvador Parga, posibilidade que xa explorara no seu momento o goberno de Compostela Aberta, e para a que deixou un proxecto redactado.

O voceiro de CA, Martiño Noriega, lembrou no Pleno que a Casa de Elisa e Jimena Fernández de la Vega “ten unha superficie de máis de mil metros cadrados, e polo tanto sería compatible o uso como centro cívico e como espazo para algúns servizos municipais, tal e como previra Compostela Aberta no texto do convenio aprobado en abril”. 

Outros acordos do Pleno

No Pleno ordinario de xullo foron aprobadas todas as propostas presentadas por Compostela Aberta, salvo a moción que instaba da laicidade da institución municipal. Neste caso, PSOE e PP xuntáronse para rexeitar o texto que, tal e como explicou Marta Lois, pretendía garantir que “os actos organizados polo Concello sexan exclusivamente de carácter civil”. A viceportavoz lamentou “os pasos atrás que se deron nestes días, e as imaxes de concelleiros e concelleiras do Goberno que probablemente se enfrontaron a máis dunha contradición interna indo en procesión ao tempo que defenden un ideario supostamente socialista”. Para Marta Lois, “a actitude do grupo municipal do PSOE só se entende en clave electoralista, e tamén polo seu intento indisimulado de achegarse cada vez máis ao PP”.

Na sesión de onte aprobouse a moción defendida por Jorge Duarte para promover a declaración do Souto como Espazo Natural de Interese Local, “para evitar calquera intento de agresión como foi o proxecto da EDAR impulsado polo PP”. Tamén saíron adiante a moción de urxencia presentada por CA para defender a práctica do rugby no campo de fútbol-rugby da USC, acondicionado coa colaboración económica do Concello durante o pasado mandato; e a proposición na que Compostela Aberta reclamaba a continuidade da convocatoria de proxectos de apoio á creación en artes visuais, ante o próximo peche da Zona C por mor da ampliación do Museo do Pobo Galego.

Novas
relacionadas

María Rozas: “Compostela Aberta é o voto útil para quen queira políticas progresistas en Santiago” 

Compostela Aberta celebrou o seu acto central de campaña na Sala Capitol, no que a candidata estivo arroupada polo exalcalde Martiño Noriega

María Rozas: “Compostela Aberta é o único garante de que Santiago non volva aos anos negros do PP nin se manteña no gris de Bugallo”

O exalcalde Martiño Noriega e boa parte da lista electoral participaron no acto de apertura de campaña de CA

María Rozas: “Compostela Aberta é o espazo da esperanza, porque somos activistas por un Santiago que merece máis”

Compostela Aberta presenta para o 28 de maio “unha candidatura feminista, que nace do asociacionismo, pegada ao territorio e solvente”

CA completa unha lista “feminista, apegada aos barrios e o rural, e comprometida co activismo social e a defensa das traballadoras”

María Rozas presenta o segundo tramo da candidatura, que pechan a presidenta do comité de empresa de Zara na provincia da Coruña, Carminha Naveiro; a escritora e académica Marilar Aleixandre; e o exalcalde Martiño Noriega

PARTICIPA

gRUPOS
DE TRABALLO

Selecciona a túa preferenza*
Podes participar en varios Grupos de Traballo